sábado, abril 27, 2024
InicioComarcasParadantaA Cañiza reforma os vestiarios do seu pavillón tras 30 anos

A Cañiza reforma os vestiarios do seu pavillón tras 30 anos

O Pavillón Municipal da Cañiza ten novos vestiarios, reformados cunha aportación de máis de 60.000 euros do Plan Concellos da Deputación. A presidenta provincial visitou a instalación con melloras de ventilación, electricidade ou fontanería.

As obras realizadas tiñan como obxectivo mellorar as condicións de salubridade e ventilación de tres dos vestiarios, un masculino, un feminino e o das persoas árbitras, que están conectados por un corredor común.

Estas dependencias databan do ano 1983 e apenas sufriran modificacións desde entón, de xeito que presentaban unha serie de danos de humidade e as condicións de salubridade e ventilación natural eran insuficientes.

Os traballos acometidos incluíron entre outras actuacións a renovación das instalacións de electricidade e fontanería, coa instalación de novos aparatos sanitarios, así como a execución de novos revestimentos nas paredes da zona de duchas e o seu pintado con materiais resistentes á humidade. As obras completáronse coa dotación dun novo pavimento anti escorregadizo no chan, coa substitución do falso teito de madeira por un de aluminio e con outras intervencións nas zonas de duchas, encamiñadas a garantir a seguridade e ao aforro de auga.

A presidenta Carmela Silva destacou o resultado da actuación realizada e as “excelentes condicións” que presentan os reformados vestiarios, unha obra que se completará coa renovación das restantes dependencias de vestiarios a través do Plan Concellos 2021, cunha achega de preto de 50.000 euros que xa está aprobada pola Deputación. Carmela Silva subliñou que o apoio ao deporte “é unha obriga e unha grande prioridade” para a institución provincial, “e de xeito máis especial nos concellos máis pequenos onde hai menos recursos, onde facemos un enorme esforzo en apoiar aos clubs e para que os equipamentos deportivos estean en condicións, xa que a xente ten dereito a practicar deporte en boas dotacións”.

Pola súa banda, o alcalde, Luis Antonio Gómez Piña, destacou que a reforma dos vestiarios era un compromiso do concello cos equipos e coa veciñanza “para dignificar” estes espazos. “Estou contento porque quedou unha obra bonita á altura do que nos merecemos e do que se merecen tamén os equipos visitantes”. Neste senso, o rexedor fixo fincapé nas “bondades” do Plan Concellos da Deputación, que “respecta a nosa autonomía sobre onde queremos gastar os cartos e permiten facer os trámites adecuadamente” no que se refire ao cumprimento dos prazos, “con firmeza e sentido común”. Gómez Piña confía en obter financiación do ReacPon para o proxecto da piscina climatizada, “que vai dar solución a algo que había que solucionar; se o conseguimos vainos permitir reformala e abaratar costes.

A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Luis Antonio Gómez Piña, así como o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez e representantes da corporación municipal visitaron o pavillón para coñecer o resultado das obras. No acto estiveron tamén presentes xogadoras e persoal técnico do Club Balonmán A Cañiza sénior feminino, que esta tempada está a disputar a competición na División de Honor Prata neste pavillón

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES