lunes, octubre 14, 2024
InicioNewsComarcasUnha senda peonil mellorará a seguridade viaria en A Vaquería

Unha senda peonil mellorará a seguridade viaria en A Vaquería

A Xunta licitou hoxe as obras dunha nova senda peonil en Budiño, no concello do Porriño, que empezará a construírse no verán cun investimento de máis de 250.000 €.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presentou no Concello esta actuación, que mellorará a seguridade viaria e a mobilidade na estrada PO-510 na Vaquería.

Martínez Allegue concretou que se prevén comezar as obras da senda en agosto para que poida estar á disposición dos veciños de Budiño na primavera de 2025.

O obxectivo deste itinerario é permitir desprazamentos a pé en condicións de seguridade na parroquia de Budiño, en concreto na zona da Vaquería. Trátase de reforzar a seguridade e  a mobilidade dos peóns nun treito de estrada que ten unha densidade de tráfico moi elevada, alcanzando máis de 20.000 vehículos diarios.

A senda, que terá unha lonxitude de 640 metros pola banda esquerda da estrada, será de formigón e terá 1,80 metros de ancho con bordo e unha elevación con respecto á rasante da calzada de 10 centímetros, agás nos accesos ás vivendas ou fincas.

Nas beirarrúas, e onde así o indique a normativa de accesibilidade, colocarase pavimento táctil nos vaos peonís, para aumentar a seguridade con sinais que fomentan a inclusión.

O proxecto tamén inclúe o acondicionamento da parada de autobuses e a substitución da marquesiña existente, para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS