viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño formará ás mulleres en defensa persoal este sábado

Porriño formará ás mulleres en defensa persoal este sábado

O Porriño acollerá este sábado, día 29 de xaneiro, unha nova quenda do curso de defensa persoal feminina organizado pola concellería de Igualdade, en colaboración coa Policía Local, e financiado con cargo aos fondos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, as concelleiras Carolina González e Antía Carrera, o inspector xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, e o monitor encargado de impartir a formación, Óscar Eiroa, mantiveron unha xuntanza para facer unha valoración da actividade e perfilar novas accións na mesma.

O rexedor valorou moi positivamente a iniciativa e cualificouna de “necesaria”. “Dotar ás mulleres de técnicas útiles para reducir a un agresor e escapar dun eventual ataque, así como para resolver unha agresión da mellor forma posible é de vital importancia para elas”, afirmou Lorenzo, “Saber como responder a un ataque reforza a sua seguridade tamén en si mesmas e pode evitar traxedias como as que, lamentablemente, están a acontecer”.

Esta acción formativa despertou un grande interese e a demanda é proba diso. Entre 30 e 40 mulleres do Porriño e da contorna están a asistir ás clases nas que aprenden técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

Cabe destacar que a formación basease no sistema de Defensa Persoal Femenina Combativa da arte marcial Nihon-Tai Jitsu. “Contamos cun programa pedagóxico de base que permite que as participantes non se queden na simple memorización, senón que dispoñan das estratexias e técnicas necesarias para poder decidir de forma rápida e efectiva como responder a un ataque”, explicou Eiroa.

Durante o curso haberá sorpresas para mellorar todas as técnicas aprendidas e poder implementalas adaptándoas á situación real á que se enfrenten. Tamén aprenderán a actuar ante un ataque con arma branca, instrumento perigoso ou incluso arma de fogo -levando armas simuladas os axentes da Policía Local para que as alumnas aprendan as técnicas necesarias- e a usar un aerosol de defensa persoal.

Lembramos que as clases son gratuitas e non é preciso inscripción previa. Imparténse en dúas quendas mensuais, a próxima delas este sábado de 10h a 12h no ximnasio Jo-vhen Sport. É preciso acudir con roupa cómoda ou deportiva.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES