viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasO CondadoO alcalde de Balneario dá por finalizada a investigación sobre a árbore

O alcalde de Balneario dá por finalizada a investigación sobre a árbore

A oposición pide que se cumpra o acordo plenario.

O rexedor de Mondariz-Balneario, o popular Jose Antonio Lorenzo, considera que “non ten sentido volver convocar unha nova reunión porque xa se explicou todo na primeira que tivemos”, en referencia á comisión de investigación que puxo en marcha o Concello para esclarecer as causas do derrube mortal dunha árbore que terminou coa vida dunha muller a principios do mes de outubro nos xardíns do Gran Hotel. Investigar as causas que rodearon ao fatal suceso foi unha proposta do grupo da oposición, o BNG, e que secundou o grupo de goberno.

Lorenzo considera que “os técnicos xa explicaron todo” na primeira sesión e que, na actualidade, segundo o alcalde, “están a estudarse moitas cousas porque inflúen varios factores na caída das árbores” porque “é todo moi complexo”.

Con todo, a moción que presentou o BNG e que apoiou o grupo de goberno establecía que na comisión participarían representantes dos partidos políticos, os representantes da Estación Fitopatolóxica Areeiro, que emitira un infrome de vixilancia para a árbore, e a Empresa encargada de elaborar o plan de arboledo, ARBOGAL. Esa mesmo moción recollía que a investigación finalizaría cun informe de conclusións coas responsabilidades de cada unha das partes.

E neste contexto,  o nacionalista César Gil, asegura que “ non temos ningún tipo de notificación sobre que a comisión xa finalizou, de feito, estamos a esperar ás seguintes, debido a que falta que interveñan primeiro os representantes de Areeiro e despois, outro por parte do Concello”. O obxectivo é chegar a redactar ese informe coas conclusións, di Gil. No caso de que isto non ocorra, “estaríase a incumprir un acordo plenario” e “esiximos que si leve a cabo” debido a que “o Concello aquí ten que ser transparente e áxil”.

 

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES