domingo, abril 28, 2024
InicioComarcasO CondadoPescadores do Miño esixen protección BIC para as pesqueiras

Pescadores do Miño esixen protección BIC para as pesqueiras

Lograr que as pesqueiras do río Miño sexan declaradas un Ben de Interese Cultural (BIC) é un reclamo histórico iniciado no Condado-Paradanta formalmente a finais dos anos 70. Máis de 40 anos despois, seguen sen ser BIC e a asociación de pescadores o Trabadoiro continúa reclamándoo.

O secretario do Trabadoiro, Florencio Gago:

A ameaza real de construción por parte de Fenosa dun embalse no Miño, o coñecido como Salto de Sela, foi a finais dos anos 70 o desencadeante para que os pescadores esixiran a protección das pesqueiras, existentes no Miño como postos fixos de pesca desde a Idade Media.

O reclamo de protección partiu por aquel entón do Arbense Distinguido 2021 e xa falecido, Ignacio Gago, sendo presidente da Cámara Agraria e ao ver en perigo un ben patrimonial e medio de vida para os arbenses.

A solicitude de que as pesqueiras do Miño sexan declaradas ben BIC xa chegou ao Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei presentada polo BNG e foi aprobada no ano 2006. Con todo a petición non avanzou ao non incoar a Xunta o expediente. Recentemente, a petición vai volver ser abordada no Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei presentada polo BNG.

Ademais, O Trabadoiro rexistrou recentemente no Concello de Arbo unha proposta para que o Pleno a aprobe e inste á Xunta e á Consellería de Cultura a aprobar esa Proposición non de lei e que se incoe o expediente para a súa declaración BIC.

Das ao redor de 500 pesqueiras existentes no Miño na beira galega, quedan na actualidade 386 pesqueiras en bo estado e delas poderianse explotar 130 aínda que na última tempada de lamprea foron dadas de alta unhas 110.

Florencio Gago, actual secretario do Trabadoiro, e neto de Ignacio Gago (presidente no pasado da asociación o Trabadoiro) falou en Si Radio de Galicia da necesidade de darlle esa protección BIC as pesqueiras dunha vez por todas, ante o seu constante deterioro.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES