lunes, abril 29, 2024
InicioNewsComarcasO rural contra a violencia de xénero

O rural contra a violencia de xénero

Os concellos da bisbarra conmemoran este sábado o 25N cunha andaina polos territorios GDR

Os Grupos de Desenvolvemento Rural Eu Rural e Condado Paradanta súmanse á campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co gallo do Día Mundial da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro.

O acto central da campaña será unha andaina popular que implicará a miles de persoas do rural para que o mesmo día á mesma hora camiñen dende 24 puntos distintos do territorio para reclamar o fin a violencia machista e defender a igualdade. Ademais, a través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta de Galicia tamén quere poñer en valor as diferentes rutas de peregrinación do Camiño de Santiago, con motivo do Xacobeo 21-22.

Grupo Eu Rural

O GDR Eu Rural organiza unha andaina para todos os públicos cun percorrido de 5 quilómetros de dificultade baixa con saída ás 10.30 horas dende o Pazo de Mos. A ruta rematará no mesmo pazo coa actuación musical de Meigas Fóra, da Asociación cultural Tangaraño, e con degustación de empanadas. As persoas interesadas en paticipar deben inscribirse na páxina web www.eurural.org
Eu Rural conta para esta actividade cun deseño propio do territorio cunha imaxe fortemente vinculada a todos os municipios que o integran. Dende Eu Rural quérese agradecer o traballo e a implicación ao Concello de Mos e ao Pazo de Mos, sempre dispostos a colaborar co grupo de desenvolvemento.

Grupo Condado Paradanta

O GDR Condado Paradanta realizará unha andaina circular que percorrerá un tramo de aproximadamente 6 quilómetros da senda do río Tea. Partirá ás 10.30 horas das pistas polideportivas do Concello de Mondariz Balneario ata a Ponte de Cernadela no Concello de Mondariz, para logo dar a volta cara o casco urbano da vila e volver pola beira do Tea ao punto de partida. Ao remate actuará un grupo de música folclórica, acompañado duns petiscos, e ás 13.00 horas darase lectura a un manifesto conxunto dos 24 GDRs, conectados mediante videoconferencia.
As persoas interesadas en participar deben inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo gdr@gdrcondadoparadanta.gal ou chamando ao número de teléfono 986 66 33 29.
Complementarias a esta andaina, o GDR Condado Paradanta ten previsto organizar outras actividades con motivo do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, entre as que destacan tres parladoiros en tres centros de Educación Primaria do territorio. Neles a xornalista Eva Míguez tratará cos escolares o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación .

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES