martes, abril 30, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTui, sede do Campionato Ibérico de Kung Fu con 325 deportistas

Tui, sede do Campionato Ibérico de Kung Fu con 325 deportistas

O evento será este domingo e participarán os 15 mellores competidores de Galicia.

Tui acolle este domingo 27 de xuño, a partir das 10:30 horas, no novo pavillón deportivo municipal, o VII Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade. Este evento está organizado polo Club Di Som Tui, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e a Federación Galega de Kung Fu. O evento poderá seguirse en liña a través da canle de Youtube da Federación Galega de Kung Fu, ou presencialmente até completar o aforo do pavillón.

O evento foi presentado hoxe no salón de plenos do Concello de Tui. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalaba na súa intervención que “esta proba da Eurocidade Tui-Valença, aínda que só se realizará no Concello de Tui, é de enorme valor e supón un recoñecemento que pon de manifesto o significado da Eurocidade e o traballo que se leva facendo en moitos ámbitos, especialmente no deportivo, unha das nosas sinais de identidade conxuntas”.

O campionato de Kung Fu dividirase nunha parte de Kung Fu tradicional e outra de Kung Fu moderno. Participarán 325 deportistas e o evento contará coa participación dos 15 mellores competidores de Galicia seleccionados fai quince días en Ourense, xunto a unha selección de competidores de Portugal, a maioría medallistas na súa federación. “Na competición demos un salto de calidade no deportivo e ademais faremos o campionato máis visual para o público, coa instalación dun novo sistema dixital de marcadores no pavillón que facilitará o seguimento da competición”, sinalaba o presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES