domingo, mayo 19, 2024
InicioNewsActualidadeO alcalde do Porriño recibe ás patinadoras gañadoras do bronce no campionato...

O alcalde do Porriño recibe ás patinadoras gañadoras do bronce no campionato de España

Sara, Noa, Marta e Tania fixeron historia xunto co seu grupo ao ser a primeira vez que un equipo galego sube ao podio nacional na súa modalidade

O alcalde, Alejandro Lorenzo, recibe ás catro patinadoras porriñesas gañadoras da medalla de bronce no campionato de España de patinaxe artística.


Sara Hernández, de Atios, Noa Pereiro, de Torneiros, Marta Caballero, de Porriño e Tania Expósito, de Mosende, forman parte do Clube de Patinaxe Artístico Ribex, co que o pasado 23 de marzo lograron a terceiro posto na modalidade Grupo Show Grande. Un logro que marca un hito, xa que é a primeira vez que un equipo galego sube ao podio no campionato de España nesta modalidade.

Este bronce supón a clasificación directa para o campionato do mundo, que terá lugar na cidade italiana de Rímini no vindeiro mes de setembro. Tania confesa que “levamos catro anos pelexando por un 4º posto nacional e nunca imáxinabamos poder subir ao podio. Estamos moi contentas de que o noso traballo dea os seus froitos”.


Estas patinadoras compaxinan os seus estudos cos adestramentos que, en época de competicións, poden sobrepasar as 25 horas semanais. Tania, de 23 anos, estuda Enxinería de Telecomunicacións na Universidade de Vigo; Sara, de 21 anos, Educación Social na Universidade de Santiago; Marta, de 17 anos, bachiller no IES Pino Manso; e Noa, de 16 anos, bachiller no IES Ribeira do Louro.


“Este é un deporte moi bonito que require moito sacrificio”, continúa Tania, “xa que ao ser minoritario non ten moito apoio de patrocinadores e nós temos que custearnos todo”.


O alcalde aproveitou para felicitar ás gañadoras, destacando “o seu esforzo e constancia que son de seguro exemplo para moitas mozas e mozos”, e desexarlles “unha experiencia inolvidable no campionato do mundo e, que vaia acompañada dunha boa clasificación”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES