miércoles, mayo 15, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoA tomiñesa Lara Meneses, nova directora xeral de Xuventude

A tomiñesa Lara Meneses, nova directora xeral de Xuventude

A voceira municipal do PP de Tomiño, Lara Meneses, vén de ser nomeada como nova directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, segundo anunciou esta mañá o presidente galego, Alfonso Rueda. A asunción desta nova responsabilidade no executivo autonómico será oficial esta mesma semana.

Por este motivo, a líder do PP local vén de presentar esta mesma mañá a súa renuncia á acta de concelleira e admite que o fai “forzada pola incompatibilidade legal de ambas responsabilidades”.

“Hoxe é un día de sentimentos encontrados porque está claro que é un orgullo que pensen en min para esta responsabilidade e valoren o traballo do PP de Tomiño, pero tamén me afonda a tristura de ter que deixar, por cuestións legais, a niña acta como concelleira”, explicou Meneses.

Lara Meneses, tomiñesa de 27 anos e graduada en Filoloxía Francesa, foi a aposta do PP para tentar recuperar a alcaldía de Tomiño nas pasadas eleccións e, aínda que o PP non puido facer sombra ao BNG, con Lara ao fronte do partido o PP conseguiu dous concelleiros máis.

Desde entón é concelleira, pero, esta mesma mañá xa renunciou á súa acta, por incompatibilidade co seu novo cargo.

En canto á reorganización do PP tomiñés, Lara Meneses anunciou que vai seguir ao fronte da Xunta Xestora para continuar coa dirección orgánica do partido, mentres que, no grupo municipal, a concelleira Mónica Otero asumirá as funcións de voceira e Alba Martínez, número 7 da candidatura popular, incorporarase como nova concelleira.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES