viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño acada o maior remanente da súa historia

Porriño acada o maior remanente da súa historia

O goberno municipal presentou a liquidación do ano 2022 cun remanente de 13 millóns de euros e 3,1 millóns de facturación pendente de pago, o que supón máis de 2 millóns menos do deixado polo anterior executivo, que ascendía a 5,6 millóns de euros

Uns datos que demostran que tras un ano de xestión económica centrada no saneamento das contas estanse a obter resultados. “Estas cifras permítennos concluír que se están a facer as cousas correctamente e que a xestión dos recursos propios e dos das restantes administracións está a ser eficiente”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “Imos no bo camiño, sentamos as bases que permitirán encarar os próximos anos con capacidade de actuación e de inversión, que é o que a xente necesita, unha administración solvente”.

Seguindo esta liña de traballo, a sesión plenaria celebrada na tarde deste xoves tivo un marcado carácter económico, aprobando modificacións orzamentarias de aumento de partidas que atinxen ao persoal municipal, a servizos como o Oral, o Servizo de Axuda no Fogar, a xestión da piscina municipal ou a recollida de lixo, así como ás subvencións nominativas a asociacións e clubs deportivos.

“Traballamos cun orzamento prorrogado dende o 2018 despois de que o resto dos grupos municipais botaran abaixo a nosa proposta de orzamento, a única que se presentou dende entón, e obviamente esas contas non se axustan á realidade actual en moitas cousas”, continuou Lorenzo. “Urxe aprobar un orzamento, para o que necesitamos maioría, pero non imos deixar de prestar os servizos aos que á veciñanza ten dereito porque a oposición non nos aprobe os orzamentos e por iso recorremos a modificacións que dan solución a este problema no presente exercicio económico”.

É o caso, por exemplo, das subvencións nominativas a asociacións e clubs deportivas incluídas no orzamento vixente que deixan en moitos casos a estas entidades sen financiación para desenvolver a súa actividade. Con tal motivo, aprobouse no pleno unha modificación que permite ampliar e actualizar estas axudas, nas que se investirá un total de 712.251 euros.

O Festival de Cans recibirá a maior aportación municipal nesta edición, 45.000 euros

“No caso da AC Arela, organizadora do Festival de Cans, a axuda municipal incrementarase en 25.000 euros para que poidan facer fronte aos gastos derivados da organización do certame. A actual dotación económica na aplicación orzamentaria é de 20.000 euros e con este incremento alcanzará os 45.000 euros”, explicou o rexedor. “O Festival de Cans goza de gran recoñecemento a todos os niveis e cada vez ten máis repercusión e relevancia, o Concello do Porriño ten que estar á altura”.

De igual maneira se actuou coa subvención á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que incrementará a súa dotación en 10.000 euros a maiores do importe consignado de 30.000 euros para poder desenvolver o seu labor cos medios precisos para dar unha correcta atención á cidadanía.

A modificación suma á lista de subvencións unha achega de 4.000 euros para a Asociación O Castelo de Cans, outra de 16.000 para o Atletismo Porriño para a organización da carreira O Porriño 10K, 6.000 euros para a Escudería Rías Baixas, 15.000 euros para o Master da Louriña e 30.000 euros para a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia.

“O Porriño conta cun tecido asociativo implicado que debe ter o respaldo do Concello do Porriño xa que desenvolven un labor esencial na dinamización social e cultural do municipio”, concluíu Lorenzo.

Bono Enerxético

O pleno aprobou tamén a modificación orzamentaria necesaria para a posta en marcha dunha liña de subvencións para financiamento dun bono enerxético por importe de 150.000 euros que paliará a situación de moitas familias vulnerables ou en risco de exclusión xestionadas dende os Servizos Sociais do Concello.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES