viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaO Concello do Porriño ampliará o seu punto limpo

O Concello do Porriño ampliará o seu punto limpo

O proxecto, que busca unha xestión de residuos máis eficiente duplicando a capacidade actual, suporá unha inversión de 144.000 euros

O Concello do Porriño proxecta a ampliación do punto limpo municipal, sito no polígono industrial de A Granxa. A actuación requirirá unha inversión de 144.000 euros, dos cales 129.000 euros serán asumidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia que vén de conceder á entidade local unha subvención por este importe no marco das axudas a actuacións en materia de recollida de residuos especiais.
“O obxectivo deste proxecto é duplicar a capacidade actual do punto limpo, mellorando así a xestión dos residuos especiais de competencia municipal, ademais de permitir asumir posibles residuos que sexan autorizados no futuro”, explicou a concelleira de Medio Ambiente e Urbanismo, Antía Carrera.
Para iso ampliarase a superficie a 2000 metros cadrados na cara norte, ao que habería que sumar outros 300 metros cadrados para un novo acceso de vehículos desde a vía pública. Deste xeito, por unha banda quedaría liberado o espazo ocupado actualmente por contedores nas plataformas de circulación, facilitándose así as manobras dos vehículos pesados e por outra banda podería aumentarse aproximadamente ao dobre a capacidade de residuos a tratar ou almacenar.
Neste novo espazo construiríase tamén unha ampliación da plataforma elevada e unha nova plataforma inferior de manobras aumentando o volume almacenable actual de residuos xa autorizados e para a recollida futura de novos tipos de residuos.
“Trátase dunha actuación importante que permitirá mellorar a eficacia na xestión dos residuos, á vez que se incentiva a reciclaxe e se evita o vertido incontrolado de certos residuos. As instalacións que proxectamos permitirán duplicar o volume de residuos que se recollen e catalogan para poder xestionalos de maneira responsable e respectuosa co medio”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES