viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaAs dúas escolas infantís e o centro de día do Porriño serán...

As dúas escolas infantís e o centro de día do Porriño serán mellorados

O investimento nas actuacións programadas nos tres centros ascende a 55.000 euros que financiará a Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

O Concello do Porriño acometerá obras de mellora nas dúas escolas infantís e no centro de día do municipio por valor de 55.000 euros, financiadas pola Xunta de Galicia. Así o anunciaron hoxe o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, durante unha visita a estas instalacións.
As intervencións programadas nas escolas infantís teñen como finalidade mellorar a funcionalidade e eficiencia enerxética dos inmobles e desenvolveranse durante o verán para non afectar á actividade dos centros. Así, na Galiña Azul de Torneiros renovaranse as portas de saída exteriores e a carpintería interior, actuarase nos acabados interiores deteriorados, revisarase a cuberta, limparanse os canalóns e baixantes, pintarase o edificio e colocaranse colgadoiros de roupa nas distintas estancias do centro. As obras tamén afectarán á cociña e ao comedor, onde colocará unha nova ventá, así como á sala de reunións, na que se substituirá o pavimento, e aos baños, coa reparación do falso teito e o pintado dos mesmos.
Pola súa banda, os traballos na escola Doantes de Sangue consistirán, fundamentalmente, na renovación dos aseos e zonas de cambiador das aulas, a instalación de mobles de almacenaxe e melloras nos sistemas de aire acondicionado e pavimentados da zona de xogo exterior.
No que atinxe á intervención prevista no centro de día de maiores, esta consistirá en traballos de renovación das fachadas e cubertas. En concreto, limparase o tellado e arranxaranse os elementos deteriorados do mesmo; e tamén se acometerá o pintado e limpeza da fachada de pedra. A maiores das actuacións contempladas, atendendo á petición do centro, o Concello procederá á construción dunha nova cuberta no acceso.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de manter estas instalacións nas mellores condicións e reiterou a necesidade de ampliar as prazas de educación infantil no municipio.
Pola súa banda, Perfecto Rodríguez destacou a importancia que ten a colaboración entre a Xunta e os concellos para poñer a disposición dos máis pequenos e dos maiores as mellores instalacións para o coidado e atención aos mesmos. Así mesmo, recordou que está aberto ata o vindeiro día 5 de abril o período de solicitude de praza nas escolas infantís para o vindeiro curso 2023-2024, no que a atención educativa será de novo gratuíta para todo o alumnado.
A execución dos traballos nas escolas e no centro de día correrá a cargo do Concello. O Consorcio financiará o 100% destas melloras mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar ao Concello por estes servizos públicos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES