sábado, abril 27, 2024
InicioComarcasLouriñaArranxadas as incidencias no servizo de transporte interurbano en Mos

Arranxadas as incidencias no servizo de transporte interurbano en Mos

Tralas incidencias notificadas, por veciñanza afectada, ao Concello de Mos, respecto de horarios e paradas no Transporte Público Interurbano de Galicia que comunica Mos con municipios limítrofes como Vigo, O Porriño e outros, desde a administración local trasladouse a problemática á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

Por parte de Mobilidade da Xunta procedeuse a abordar o tema coa empresa de transporte prestadora do servizo, Monbús, e a realizar un exhaustivo seguimento das viaxes durante todo o pasado mes de febreiro para comprobar que o servizo funcionase ben e se cumprisen escrupulosamente horarios e paradas.
Tras realizar os pertinentes controis e comprobar que o servizo volveu á normalidade, este xoves celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos unha reunión a tres bandas entre administración local mosense, representantes da secretaría xeral técnica de Mobilidade e Monbús para dar conta ás representantes municipais da situación real actual na que se está a prestar a día de hoxe en Mos o servizo de transporte interurbano.
Por parte do Concello de Mos asistiron á xuntanza a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Mobilidade, Julia Loureiro, e unha técnico municipal. Da secretaría xeral técnica de Mobilidade estivo presente o Secretario Xeral Técnico, Joaquín Macho Canales; xunto coa Xefa Territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez Allegue e un técnico da consellería.
Durante a mesma informouse de que as incidencias xa se atopan arranxadas e que se instalarán paneis informativos en todas as marquesiñas de Mos para que todos os usuarios do transporte interurbano teñan a información correcta e actualizada sobre o mesmo. Información que, para maior coñecemento e difusión, tamén será publicada na páxina web do Concello de Mos.
As principais reclamacións dos usuarios mosenses sobre o servizo de transporte interurbano prestado por Monbús eran que non chegaba á Estación Intermodal de Vigo e que non cumpría horarios. Ámbalas dúas xa se están cumprindo totalmente na actualidade.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES