viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaO Concello de Salceda ten a débeda máis baixa da historia

O Concello de Salceda ten a débeda máis baixa da historia

A Conta Xeral demostra a boa situación económica e financeira das arcas municipais

O pleno do Concello de Salceda de Caselas vén de aprobar a Conta Xeral do ano 2020 con aforro neto positivo, cumprindo a regra de gasto e reducindo o nivel de endebedamento, nun ano complexo para a planificación económica por mor da pandemia producida pola COVID-19.
Os resultados da Conta Xeral expuxéronse detidamente pola concelleira de Facenda, Lucía Pereira, acadando un aforro neto positivo de 123.122,92 euros, e cumprindo coa regra de gasto en 311.817,37 euros imposta polo Ministerio de Hacienda do goberno central.
Destaca a boa situación do Concello no nivel de endebedamento, que descende un ano máis, situándose no 15,77% respecto aos seus ingresos, moi por debaixo do 75% que marca a lei para poder concertar novas operacións de crédito. Deste xeito, a débeda a peche do 2020 sitúase en 832.539,82 euros, dos que case 700.000 euros corresponden á expropiación dos terreos do Parque Raíña Aragonta.
Durante a súa intervención, Lucía Pereira destacou tamén o bo dato respecto da liquidez das contas do Concello a data de 31 de decembro de 2020, que se situaron en 1.242.376,77 euros. Outro dos parámetros positivos que arroxan as contas é o resultado positivo do remanente de tesouraría, que ascende a 1.516.833,43 euros.
A Conta Xeral é un documento técnico onde se recolle a totalidade da contabilidade do ano, e que os concellos teñen que aprobar e remitir ao Consello de Contas antes do mes de outubro, para poder optar ás subvencións doutras entidades.
A concelleira de Facenda explicou que “a pesar das dificultades económicas do 2020 marcadas pola inesperada pandemia producida pola COVID-19 fomos quen de rematar o exercicio cumprindo a maioría das regras fiscais, con liquidez positiva e cun remanente de tesouraría positivo que nos permitiu incorporar ao orzamento 2021 máis de 700.000 euros que nos permiten continuar ofrecendo servizos básicos á nosa veciñanza e facer fronte aos gastos orixinados pola pandemia.”
A alcaldesa Verónica Tourón sinalou que “os datos de tesouraría e de liquidez da conta xeral poñen de manifesto a xestión rigorosa do equipo de goberno, a pesar do aumento de gasto que nos supuxo a xestión da pandemia”

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES