viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaO CEIP Fernández López contará con comedor o vindeiro curso

O CEIP Fernández López contará con comedor o vindeiro curso

O Concello do Porriño iniciará esta semana as obras de acondicionamento da zona onde durante o período estival se construirán as instalacións, que darán resposta a unha demanda histórica da comunidade educativa do centro

O CEIP Xosé Fernández López ofrecerá no vindeiro curso 23/24 o servizo de comedor escolar. Así o anunciaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que adiantaron que xa se dispón de financiación para a construción e posta en marcha do mesmo.
Trátase dunha das principais demandas deste céntrico centro educativo que ata o de agora non contaba con este e outros recursos de conciliación, e no próximo curso ofertará aos pais e nais o servizo de Aula Madruga e o de comedor escolar.
Aproveitando o período non lectivo de semana santa, o Concello do Porriño iniciará as obras de acondicionamento da zona onde se localizará o futuro comedor, retirando dous depósitos de combustible que se instalarán nunha zona máis segura do recinto.
Procederase tamén dende o Concello á substitución do valado perimetral na zona traseira do recinto, xa que o actual se atopa en moi mal estado e supón un risco para o alumnado. As obras de acondicionamento inclúen tamén a reparación da cuberta do pavillón deportivo, que presenta problemas de illamento e xa está proxectada tamén a creación dunha zona verde de xogo infantil. Cabe destacar, que neste curso leváronse a cabo dende o Concello do Porriño varias melloras no Xosé Fernández López como a instalación dunha pista multideportiva, acondicionamento do patio cuberto ou a mellora dos vestiarios do ximnasio. Tamén se executou dende a administración autonómica a renovación das luminarias do centro.
“O Xosé Fernández López vén reivindicando dende hai anos, con moita razón, a necesidade de contar con este servizo, que tería unha gran demanda e facilitaría notablemente a conciliación ás familias do centro urbano”, explicou o alcalde. “Por fin será unha realidade grazas ao traballo conxunto da comunidade educativa do centro, dirección, claustro e ANPA que sempre nos tenderon a man para traballar polo colexio, a Xunta de Galicia á que agradezo a disposición mostrada dende o principio, e ao Concello, concretamente á concelleira de Educación, Carolina González que sempre defendeu que isto era unha prioridade. Cando todos remamos xuntos cara un obxectivo, o conseguimos”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES