viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasLouriñaA reforma e ampliación do centro de saúde do Porriño, máis preto

A reforma e ampliación do centro de saúde do Porriño, máis preto

O Concello vén de outorgar hoxe a licenza de construción ao Sergas para este proxecto valorado en case 3 millóns de euros

 Segundo comunicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo, con data de hoxe, o Concello do Porriño comunicou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a concesión de licenza de construción para a proxectada reforma e ampliación do centro de saúde da localidade.
O edil e primeiro tenente de alcalde manifestou que “unha vez máis urximos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para que acometa a prometida ampliación”.
O licenza de construción é para unha ampliación de 1.105 metros cadrados do actual inmoble e conta cun orzamento de case 3 millóns de euros.
Segundo explican dende o goberno municipal, a licenza outorgada concédese baixo varias condicións: previo ao comezo das obras, o Sergas deberá achegar ao Concello entre outros trámites, proxecto de execución e constituír unha garantía cuxo importe calcúlase nunha cantidade de 7.800 euros para facer fronte a posibles danos na vía pública e nos bens municipais durante a execución das obras.

Catro meses e medio despois

Fora o 4 de decembro do pasado ano, cando dende o propio Concello informaba da “chegada por rexistro da solicitude de licenza de obras” na que xa se apuntaba como orzamento estimado da obra, 2.916.716 euros

Unha vintena de novas consultas e salas

Segundo explicaran con anterioridade dende a Xunta, o plan funcional de espazos do centro de saúde do Porriño, contempla un incremento de superficie tanto na área de urxencias (Punto de Atención Continuada), como na área médica e pediátrica, adaptándose así as necesidades asistenciais e de persoal actuais e futuras do Concello do Porriño.

Neste senso, e en base ao devandito plan funcional, a nova infraestrutura disporá de dúas novas consultas de medicina xeral (pasando de 6 a 8); unha nova consulta de enfermería (ata completar un total de 6), outra consulta de matrona, unha sala de cirurxía menor, unha sala polivalente e unha consulta e un ximnasio de fisioterapia. Ademais disporá dunha sala de educación maternal, unha consulta de farmacia, outra para odontoloxía, sala de toma de mostras e outras dependencias.

Na área pediátrica, o centro verá incrementado o número de consultas pasando de 2 a 3, así como unha nova consulta de enfermería pediátrica (en total 2) e unha consulta polivalente de pediatría, da que carece o actual centro, ademais dunha sala de espera e aseo.

No que atinxe á zona de urxencia (Punto de Atención Continuada), ampliaranse as consultas de medicina xeral (que pasan de 1 a 3), as de enfermería (que pasan de 1 a 2) e disporá dunha nova sala de observación, entre outros espazos.

Ademais, o plan funcional tamén contempla a ampliación da área de administración e arquivo e outros servizos comúns.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES