domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsO PaísA Deputación aproba en pleno a adxudicación de 39 millóns de euros...

A Deputación aproba en pleno a adxudicación de 39 millóns de euros para garantir a conservación de estradas

A sesión extraordinaria serviu tamén para aprobar o proxecto de mellora de mobilidade peonil da EP-0002 en Pontevedra, cun investimento de 1,72 millóns, ademais dunha moción para que o Goberno impulse o AVE entre Vigo e Portugal

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres, nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada en substitución do pleno ordinario correspondente ao mes de agosto, a adxudicación do contrato do servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación para os vindeiros cinco anos cun investimento total de 39 millóns de euros.

Así mesmo, saíu adiante o proxecto de mellora da mobilidade peonil da estrada provincial EP-0002 entre O Marco, Tomeza e Figueirido, no termo municipal de Pontevedra, que supón un desembolso de 1,72 millóns de euros.

O pleno comezou coa aprobación por unanimidade da adxudicación do contrato do servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación. A deputada responsable da área de Infraestruturas, Isabel Couselo, foi a encargada de explicar os detalles dun contrato valorado en 38,9 millóns de euros que asegurará o bo estado de conservación dunha rede viaria provincial, de 1.700 quilómetros de lonxitude, para os vindeiros catro anos, coa posibilidade dunha prórroga adicional dun ano.

O contrato dividiuse en tres lotes que, despois de analizar todas as propostas, a Mesa de Contratación propuxo adxudicar o lote 1 (norte) á UTE XAC-Francisco Gómez por un importe de máis de 9 millóns de euros; o lote 2 (centro), á UTE Audeca-Narom por case 9 millóns; e o lote 3 (sur) a Civis Global por máis de 7 millóns de euros.

Unha adxudicación que este venres referendou o pleno para culminar agora os restantes trámites administrativos e asegurar o inicio do contrato o vindeiro 1 de novembro.

O AVE entre Vigo e Portugal outro dos puntos tratados

Tamén resultou aprobada cos votos favorables dos deputados do PP e do BNG, a moción presentada polo grupo popular para solicitar ao Ministerio de Transportes o impulso da liña de alta velocidade entre Vigo, Porto e Lisboa.

Neste sentido, o voceiro Jorge Cubela fixo fincapé reclamar ao Goberno central unha programación completa das actuacións, investimentos orzamentarios e un calendario para o desenvolvemento deste trazado, así como trasladarlle ao Goberno o potencial de uso e rendibilidade que tería esta liña, unha infraestrutura prioritaria e estratéxica.

A sesión rematou co debate de dúas mocións presentadas polo grupo socialista, que foron rexeitadas. Unha para instar á Xunta a dar explicacións sobre a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro; e outra para instar á Xunta a manter o canon de Sogama. Nesta última, o voceiro Jorge Cubela explicou a postura negativo do grupo popular ao lembrar que este xoves a Xunta, “despois de escoitar aos alcaldes”, anunciou que asumirá o 60 % deste incremento.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS