domingo, octubre 6, 2024
InicioNewsActualidadeO IES Pedras Rubias de Salceda estrea as novas instalacións para acoller...

O IES Pedras Rubias de Salceda estrea as novas instalacións para acoller o Bacharelato

O conselleiro de Educación comproba o resultado da obra na que se investiu máis de 3 millóns de euros. Grazas a estas labores, puidose implantar o Bacharelato no concello, evitando o desprazamento de alumnos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial, Ana Ortiz, destacou hoxe a aposta da Xunta pola proximidade dos servizos educativos. Fíxoo nunha visita ao instituto IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, onde o seu departamento vén de acometer unha obra de ampliación por máis de 3 millóns de euros.

Tal e como explicou o conselleiro, a ampliación deste centro tivo como obxectivo fundamental implantar o Bacharelato neste concello. Antes os rapaces tiñan que desprazarse a Porriño ou Tui para cursalo, pero agora xa non terán a obriga de facelo.

Román Rodríguez sinalou o ensino rural como un dos sinais de identidade do ensino galego. “O noso é un modelo educativo de proximidade, no que facemos un investimento moi superior ao do ensino urbano debido á dispersión xeográfica da nosa poboación”, explicou.

“Actuacións coma esta contribúen a seguir mellorando o servizo educativo no rural galego, reforzando un sistema equitativo de distrito único, no que os resultados dos alumnos do rural e do urbano son idénticos”, afirmou o conselleiro.

Un total de 43 centros galegos forman parte do plan que busca atender as necesidades do alumnado

O titular do departamento educativo da Xunta recordou que o Instituto IES Pedras Rubias é un dos 43 centros que o Goberno galego está a ampliar ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento total de 68 millóns de euros para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado.

Este orzamento supón case a cuarta parte do investimento deste plan no período 2021/2024, que ascende a máis de 278 millóns de euros en case 2.700 obras para modernizar e mellorar as instalacións dos centros.

Para dotar o centro dos espazos necesarios, construíuse unha nova superficie útil de arredor de 1.600 metros cadrados. Estes distribúense en dúas plantas e unha pasarela de unión co edificio xa existente.

A área docente está dotada de oito aulas, dous departamentos, un laboratorio, así como un espazo para polo creativo. Este novo espazo conta tamén con acceso propio por medio dunha zona cuberta.

O edificio está preparado para a produción de enerxía renovable, por medio de paneis solares fotovoltaicos, caldeiras de biomasa e acumuladores térmicos, fomentando o aforro enerxético e reducindo as emisións.

Galería de imaxes

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS