HomeNewsA RaiaA AECT Rio Minho reforza a dimensión transfronteiriza do ITC’26 na UVigo

A AECT Rio Minho reforza a dimensión transfronteiriza do ITC’26 na UVigo

A Universidade de Vigo acolleu esta semana, concretamente os días 1 e 2 de outubro, o XVIII Congreso Internacional de Turismo – ITC’26, que reuniu máis dun cento de especialistas de catro continentes e presentou 137 traballos científicos de arredor de 260 autores, de máis dunha ducia de nacionalidades, vinculados a 52 institucións.

Coorganizado pola Universidade de Vigo, CiTUR, ECOBAS e polo VISIT_RIO_MINHO_PLUS, proxecto que reúne o AECT Rio Minho, CIM Alto Minho, Deputación de Pontevedra, Turismo do Porto e Norte de Portugal, Axencia de Turismo de Galicia, AGACAL, ADRIMINHO, Universidade de Vigo, Instituto Politécnico de Viana do Castelo e os Concellos de Tui e Salvaterra de Miño, o congreso abordou os principais desafíos e transformacións do sector, nomeadamente no turismo transfronteirizo, e as oportunidades de cooperación na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.

Intelixencia artificial, sustentabilidade, transformación dixital, territorio, hostalaría e novos produtos turísticos estiveron entre os temas analizados ao longo dos dous días.

«A cooperación transfronteiriza ten que producir cambios concretos na vida dos territorios. E o turismo é quizais un dos mellores exemplos. Quen nos visita non ve competencias administrativas nin límites institucionais. Busca lugares, persoas e experiencias», destacou José Manuel Vaz Carpinteira, director da AECT Rio Minho, na sesión de clausura.

A conexión co territorio marcou tamén o programa, con dúas experiencias no Rio Minho: «Navegando entre Fortalezas», entre Tui e Valença, e un paseo en barco polas illas do río, complementado cunha visita á Bienal de Cerveira. As dúas experiencias permitiron presentar o potencial dunha oferta turística articulada entre as dúas marxes, baseada no río, no patrimonio, na paisaxe e na cultura, e reforzaron a afirmación do Rio Minho como destino turístico transfronteirizo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS