HomeNewsActualidadeBaiona abre o prazo de inscrición para participar en "Orientaventura pola igualdade"

Baiona abre o prazo de inscrición para participar en “Orientaventura pola igualdade”

O Concello de Baiona abre o prazo de inscrición para participar en “Orientaventura pola Igualdade”, unha actividade deportiva, lúdica e educativa que combina orientación, estratexia e traballo en equipo coa sensibilización en materia de igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero.

A actividade consiste en percorrer a pé as rúas e zonas verdes de Baiona coa axuda dun mapa, tratando de localizar diferentes puntos de control e superar diversas probas relacionadas coa igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

O obxectivo é acadar o maior número de puntos posible, deseñando unha estratexia propia e decidindo libremente a orde na que se visitirarán os distintos puntos de control. A toma de decisións, a planificación e a cooperación entre as persoas participantes serán fundamentais para completar o percorrido con éxito.

Participación e desenvolvemento da actividade

A actividade desenvolverase o sábado 21 de novembro, por equipos dun mínimo de dúas persoas e un máximo de seis. En todos os equipos deberá participar, obrigatoriamente, polo menos unha persoa de maior idade.

A duración total será de dúas horas e media, con punto de partida ás 10:30 horas na Praza do Concello. Haberá unha charla técnica inicial de 30 minutos, que dará paso á proba de orientación, que terá unha duración de dúas horas.

Cada equipo terá liberdade para deseñar a súa propia estratexia, elexir como realizar o percorrido e decidir a orde na que visitará os diferentes puntos.

Inscricións

As persoas interesadas poderán inscribirse presencialmente no Centro Ángel Bedriñana, de luns a venres, en horario de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas; ou a través do correo electrónico angelbedrinhana@baiona.gal ou do teléfono 986 35 60 77.

Para formalizar a inscrición, as persoas participantes deberán aportar: nome de equipo, nome e apelidos das persoas particiapntes, idade de cada unha das persoas e número de teléfono de contacto dunha das persoas maior de idade.

O prazo de inscrición rematará o xoves 19 de novembro ás 14:00 horas. A actividade é de balde e contará cun máximo de 150 participantes, prazas que serán adxudicadas por orde de inscrición. A participación inclúe seguro de responsabilidade civil e de accidentes, así como avituallamento líquido e sólido ao remate da proba.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS