HomeNewsActualidadeSalceda de Caselas incorpora unha educadora social para o novo programa municipal...

Salceda de Caselas incorpora unha educadora social para o novo programa municipal de apoio familiar

O Concello de Salceda de Caselas suma un novo recurso profesional á súa área social coa incorporación dunha educadora social. Esta contratación permite a posta en marcha do novo Programa Municipal de Complemento ao Apoio Familiar, unha iniciativa financiada a través da subvención para a inclusión social nas entidades locais outorgada pola Xunta de Galicia con fondos da Unión Europea. O programa manterase operativo ata abril de 2027.

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, salientou a importancia de poñer á disposición da veciñanza ferramentas públicas de apoio á crianza asegurando que “nun momento no que a crianza, a conciliación e o impacto das novas tecnoloxías cambiaron tanto, as familias precisan recursos sólidos como este nos que apoiarse para a educación dos seus fillos e fillas. Queremos un bo futuro para a nosa xuventude e, por iso, é fundamental traballar no seu presente.”

O obxectivo principal deste proxecto é traballar directamente coas familias do municipio que teñan ao seu cargo infancia ou xuventude en situación de vulnerabilidade social. O traballo realizarase de forma conxunta e coordinada cos centros educativos e cos Servizos Sociais municipais, poñendo o foco na prevención de condutas disruptivas e en situacións de vulnerabilidade e no soporte continuado tanto ás e aos menores como ás súas contornas familiares.

Dado que cada unidade familiar enfronta realidades diversas, o programa deseñouse para ofrecer unha atención individualizada e adaptada ás necesidades específicas de cada caso. Entre os eixos de intervención que se abordarán atópanse:

  • – Reforzo e orientación educativa.
  • – Dotación de habilidades e recursos comunitarios.
  • – Mediación familiar e de convivencia.
  • – Educación sexual integral.
  • – Participación social e interculturalidade.
  • – Desenvolvemento de funcións sociais e parentalidade positiva.
Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS