HomeNewsActualidadeO CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos recibe o seu premio nun...

O CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos recibe o seu premio nun concurso escolar sobre a igualdade

O alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos recibiu o seu premio no concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade?”, promovido pola Deputación de Pontevedra para fomentar a reflexión sobre a igualdade entre mulleres e homes desde as aulas.

A deputada provincial Paula Bouzós, acompañada pola concelleira de Educación de Mos, Julia Loureiro, participou no acto de entrega do premio, que permitiu ao alumnado gozar da actividade “Elas pintan moito”, unha proposta de Migallas Teatro que combinou contos e música en directo para achegar as nenas e os nenos á vida e á obra de diferentes pintoras.

A través desta sesión, o alumnado puido coñecer de preto a traxectoria de mulleres artistas, descubrir algunhas das súas obras máis coñecidas e achegarse ás dificultades e aos prexuízos que tiveron que afrontar ao longo das súas vidas.

Durante a súa intervención, Paula Bouzós “felicitou o alumnado polo traballo realizado e polo recoñecemento acadado”. A deputada animouno tamén a manter “unha mirada crítica ante as mensaxes e os comportamentos que perpetúan a desigualdade, e incidiu na importancia de seguir traballando conxuntamente para avanzar na igualdade efectiva entre mulleres e homes”.

A iniciativa busca contribuir a promover a educación en igualdade desde idades temperás, empregando a cultura e as artes como ferramentas para dar a coñecer o papel das mulleres na historia e na creación artística.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS