jueves, mayo 2, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas incrementa as axudas de emerxencia social nun 10% "de maneira inmediata"

Ponteareas incrementa as axudas de emerxencia social nun 10% «de maneira inmediata»

A xunta de goberno local do Concello de Ponteareas aproba este martes un incremento do 10% nas axudas de Emerxencia Social, unha medida, «que será de aplicación inmediata, orientada a apoiar aos sectores máis vulnerables da nosa sociedade que ratifica o compromiso e a postura do equipo de goberno nesta área», segundo explican dende o goberno liderado pola popular Nava Castro.

O goberno municipal explica que «esta aprobación xorde como resposta á actual situación, onde os límites establecidos na normativa vixente non se axustaron proporcionalmente aos incrementos das pensións, salarios mínimos e prestacións periódicas públicas que se sucederon desde a publicación da ordenanza en 2017».

Segundo se recolle no expediente do informe realizado polos Servizos Sociais, “gran parte das persoas usuarias para as cales, unha axuda de emerxencia sería o recurso idóneo para mellorar a súa inclusión social, ou ben, previr unha situación de exclusión, están superando ditos límites económicos establecidos. Todas as persoas que no momento de publicación da ordenanza eran susceptibles de poder percibir ditas axudas de emerxencia, actualmente xa non terían dereito por non incrementarse os límites de acceso de maneira proporcional”.

Neste contexto, a xunta de goberno local aproba que «ata que non se actualice formalmente a ordenanza municipal específica, aplicarase o aumento dese 10% da contía establecida con carácter xeral para todas as solicitudes de axuda de emerxencia social do Concello de Ponteareas», explican dende o Concello.

Ademais, segundo informan nun comunicado, o departamento de Servizos Sociais recibirá as instrucións correspondentes para a implementación inmediata desta medida «co obxectivo de garantir un impacto positivo e urxente naquelas persoas que máis o necesitan».

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES