viernes, mayo 17, 2024
InicioNewsA Xunta aprobará unha guía de acompañamento da muller e contacto pel...

A Xunta aprobará unha guía de acompañamento da muller e contacto pel con pel na cesárea para todas as áreas sanitarias

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta mañá a XVI Xornada de Saúde Perinatal e Reprodutiva, que anualmente organiza a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). Así, durante o encontro o titular de Sanidade adiantou a vindeira aprobación dunha guía común para o conxunto das áreas sanitarias galegas, no referido ao acompañamento da muller e o contacto pel con pel na cesárea.

Segundo indicou o conselleiro, o departamento sanitario da Xunta está a deseñar, desde o pasado mes de outubro, un documento de referencia que ten por obxectivo de homoxeneizar o proceso de atención ao parto -e posparto-, e no que se prestará especial atención ao contacto pel con pel entre nai e neonato, durante alomenos os primeiros 70 minutos, tras o nacemento.

“A previsión é que esta guía estea dispoñible para a súa aplicación no primeiro trimestre de 2024”, apuntou Comesaña, ao tempo que agradeceu a implicación do conxunto de profesionais que interveñen na atención á saúde sexual e reprodutiva da muller.

O Servizo Galego de Saúde conta con diversos protocolos asistenciais e guías vencelladas á atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, co ánimo de dar resposta ás súas necesidades e problemas de saúde ao longo da vida.

Solo pelviano feminino

Entroutras, o conselleiro destacou o Programa de abordaxe de disfuncións do solo pelviano feminino na atención primaria do que, desde o ano 2017, xa se beneficiaron máis de 8.000 mulleres galegas. Así mesmo, -remarcou o conselleiro- xa se realizaron máis de 1.700 consultas no conxunto de unidades funcionais de solo pelviano coas que conta a rede sanitaria pública galega.

“Na actualidade, estamos inmersos nun proceso de revisión da Guía de abordaxe de disfuncións do solo pelviano feminino en atención primaria”, abundou Comesaña, avanzando que a nova actualización, “incluirá a derivación ás Unidades funcionais multidisciplinares de solo pelviano” e tamén “un Programa individualizado de reeducación do solo pelviano”.

Acompañado pola subdirectora de Atención Primaria, Sinda Lobeiras; e a xefa de servizo de Atención Primaria do Sergas, Teresa Rey; no peche da súa intervención Comesaña remarcou o traballo realizado polo comité organizador desta Xornada, así como a calidade dun programa no que algún dos temas a abordar será a nutrición ao longo das etapas da vida da muller; o uso de probióticos en xinecoloxía e obstetricia; ou a abordaxe multidisciplinar das disfuncións do solo pelviano durante o posparto.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES