A parroquia de Entenza, no concello de Salceda de Caselas, acollerá o vindeiro domingo 15 de novembro a XXVIII edición da Festa dos Cogomelos, unha cita xa consolidada no calendario festivo da contorna que volverá reunir gastronomía, cultura e tradición arredor do mundo da micoloxía.
A programación dará comezo ás 11:30 horas no pavillón do Centro Cultural de Entenza, coa apertura da degustación e da exposición micolóxica. Durante a xornada, as persoas asistentes tamén poderán achegarse a diferentes propostas gastronómicas e artesanais, na que tamén haberá tapa vegana, postos de artesanía e sobremesas veganas.
A música terá o seu espazo a partir das 12:30 horas, coa actuación do grupo «O Son do Furancho», de Entenza. Ás 13:00 horas celebrarase un dos momentos máis especiais desta edición: o pregón e a homenaxe a Maruja do Paratán.
A XXVIII Festa dos Cogomelos está organizada pola Asociación de Xóvenes A Turonia e conta coa colaboración da Comunidade de Montes de Entenza, a Asociación de Veciños «A Sobreira» e o Concello de Salceda de Caselas.

