HomeNewsActualidadeO alumnado tudense deseñará a postal de Nadal do Concello de Tui

O alumnado tudense deseñará a postal de Nadal do Concello de Tui

A creatividade do alumnado tudense volverá a protagonizar a postal de Nadal do Concello de Tui. A concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui vén de convocar unha nova edición do Concurso de Debuxo Escolar para a elección desta postal de Nadal.

Este certame vai dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio. As bases desta convocatoria serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra nos vindeiros días e no taboleiro de anuncios do Concello.

Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados, aportando un debuxo coa temática do “Nadal en Tui”. O obxectivo é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello. Tamén se deberá incluír, obrigatoriamente, unha referencia á Catedral, co gallo da celebración dos oitocentos anos da súa consagración.

Cada participante presentará un único traballo orixinal e inédito con técnica libre, que debe ir identificado na parte posterior. Cada centro escollerá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 27 de novembro de 2026 ás 14 h.

Establécese un primeiro premio consistente nun lote de material educativo e de pintura valorado en 100 euros e esta obra será a postal do Nadal do Concello de Tui. O segundo premio será un lote de material educativo e de pintura por valor de 50 euros, e o terceiro premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 40 euros.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que “a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal”. Engade Sonsoles Vicente que nos últimos anos o certame ten suscitado un alto interese contando cunha elevada participación polo que o Concello segue apostando por esta modalidade para a súa felicitación de Nadal.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS