O Porriño contará desde este luns, 9 de novembro, cun reforzo efectivo do transporte público. A Xunta de Galicia comunicou oficialmente ao Concello a posta en marcha da nova liña XG883079 Tui–Porriño–Vigo E.I., que incorporará dous servizos diarios, de luns a venres laborables durante o período lectivo da Universidade de Vigo.
Esta nova conexión reforzará a oferta existente e permitirá incrementar a capacidade de transporte nun corredor con elevada demanda, especialmente nas primeiras horas da mañá e nos desprazamentos vinculados á actividade laboral e académica.
O Concello valora “positivamente esta incorporación, que responde ás necesidades de mobilidade trasladadas á Xunta e supón unha mellora concreta para as persoas usuarias sen necesidade de agardar á resolución definitiva dos novos contratos”.
Neste senso, o obxectivo municipal é “seguir avanzando cara a un transporte público máis accesible, con mellores horarios, máis alternativas de desprazamento e conexións adaptadas ás necesidades reais da veciñanza”.
O percorrido terá a súa orixe en Vigo e realizará paradas nos municipios de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas, antes de finalizar na rúa Ourense, en Tui.
Esta nova conexión permitirá reforzar a oferta actual da liña XG883004 A Guarda-Tabagón-Goian-Torrón-Tui-Porriño-Vigo E.I. e dar resposta á elevada demanda existente neste corredor, especialmente nas primeiras horas da mañá e ao mediodía. Deste xeito, incrementarase a capacidade dispoñible e melloraranse as posibilidades de desprazamento das persoas usuarias.
As saídas desde a estación intermodal de Vigo realizaranse ás 7:00 e ás 15:30 horas, con paso estimado polo municipio do Porriño nos seguintes horarios:
| Parada | Mañá | Tarde |
| Ponte Galo (avda. de Galicia) | 7:35 | 16:05 |
| O Porriño (Xulgado) | 7:38 | 16:08 |
| O Porriño (Instalauto) | 7:38 | 16:08 |
| O Porriño (A Guía) | 7:39 | 16:09 |
| A Rocha (Atios) | 7:40 | 16:10 |
| Empalme de Casal (Budiño) | 7:43 | 16:13 |
| Empalme O Cerquido | 7:48 | 16:18 |
(Os horarios de paso son aproximados e poderán variar en función das condicións do tráfico e do desenvolvemento do servizo)

