jueves, marzo 28, 2024
InicioComarcasLouriñaCase 140 persoas cos seus cans gozarán o domingo en Alfacuca do...

Case 140 persoas cos seus cans gozarán o domingo en Alfacuca do II Mushing e I Trail Popular Concello de Mos

O evento honra a memoria de Alejandro Gómez, que practicaba esta modalidade. 

O Concello de Mos celebrará o vindeiro domingo, 3 de abril, o II Mushing e I Trail Popular Concello de Mos cun gran éxito de inscricións, contando con 138 participantes nas diferentes modalidades, sendo a andaina, con 50 inscricións, a que máis adeptos logrou. Ademais do prezo da inscrición solicítase a doazón solidaria de 1 quilo de alimentos para o banco de Mos Axuda. O obxectivo é recadar alomenos 140 quilos. O evento de Mushing e Trail Popular en Louredo celebrarase o vindeiro domingo na zona da aldea de Alfacuca.

Leo Costas, concelleiro de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos, José Areal, edil de Deportes, e Ángel Lira, presidente do Club Zarkocan, informaron hoxe do éxito de inscricións, 138 en total, distrubuídas do seguinte xeito nas diferentes modalidades: 50 ANDAINA, 31 TRAIL, 24 CANICROSS ÉLITE, 14 CANICROSS POPULAR, 14 BIKEJORING, 3   PATÍN e 2 CANICROSS INFANTIL. E animaron á poboación xeral a acudir libremente o domingo a gozar do evento e contemplar as probas e as diferentes exhibicións programadas, así como tomar algo no posto que haberá instalado no lugar.

O evento celebrarase en Alfacuca, parroquia de Louredo, e conta coa autorización da Comunidade de Montes de Louredo para que a organización poida utilizar as súas pistas. Está financiado polas concellerías de Medio Ambiente Sostible e Deportes de Mos e organizado en memoria de Alejandro Gómez, que practicaba esta modalidade. O II Mushing e I Trail Popular “Concello de Mos” celebrarase a partir das 08.00 horas da mañá. A andaina canina e andaina canina terán 5 quilómetros de distancia, o canicross popular 1,3 quilómetros, o trail 9 quilómetros, o canicross infantil 150 metros e o canicross élite, patín e bikejoring 5 quilómetros de distancia.

Costas, Areal e Lira, declaráronse hoxe “contentos e satisfeitos de poder celebrar en Mos este evento deportivo para todos os públicos, no que poderán participar persoas de todas as idades, familias, deportistas coas súas mascotas… as diferentes probas permiten que cada participante elixa en cal competir en función dos seus intereses e condición física; algo que consideramos moi acertado, moi boa idea”. “Por todo elo”, concluíron, “esperamos que o acto do domingo 3 en Alfacuca sexa todo un éxito de afluencia e continuemos a repetilo durante moitas edicións máis, xa que con el pretendemos concienciar á poboación sobre a tenza responsable de mascotas e o coidado animal”.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES