viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoA Xunta impulsa viaxes en barco eléctrico entre A Guarda e Caminha...

A Xunta impulsa viaxes en barco eléctrico entre A Guarda e Caminha dende semana santa

Están especialmente pensadas para peregrinos.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vai impulsar de inmediato un proxecto de turismo náutico sostible na bisbarra do Baixo Miño que inclúe, como primeira medida, o establecemento de viaxes en barco eléctrico entre a estación marítima de ferri da Guarda e a localidade portuguesa de Caminha dende a próxima Semana Santa.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e outros representantes municipais, presentou este mediodía en Camposancos este servizo de transporte náutico e as demais actividades vencelladas a esta iniciativa turística, que vai ser prestada pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+).

O proxecto arrancará, cunha primeira fase, o vindeiro 8 de abril, que será cando comecen a funcionar de xeito experimental dúas embarcacións, unha eléctrica e outra a gasolina, para conectar ambos portos para turistas, visitantes e peregrinos. Dita actuación suporá un investimento de 12.000 euros e funcionará durante aproximadamente tres meses.

Xa no mes de xullo activarase a segunda fase, que consistirá na habilitación dun barco propio de propulsión eléctrica con capacidade para doce pasaxeiros que conectará ambos pantaláns. Esta actividade desenvolverase en virtude dun convenio entre Turismo de Galicia e Agan+, que está a xestionar nestas semanas as cuestións técnicas e burocráticas previas. Pola súa banda, a Xunta traballa na correspondente autorización de Portos de Galicia para garantir o uso do servizo no peirao guardés.

“Con este proxecto novidoso e sostible damos rápida resposta ás necesidades de conexión directa polo río Miño entre Portugal, e nomeadamente a localidade de Caminha, e a vila da Guarda e a zona oeste do Baixo Miño para os peregrinos que percorren o Camiño Portugués pola Costa e para os turistas e veciños, ao tempo que creamos un novo atractivo para vir a esta bisbarra e a Galicia”, manifestou o representante autonómico.

Ao abeiro deste proxecto, vanse mellorar as condicións do pantalán da Guarda despois de que Portos de Galicia xa investira 10.000 euros o pasado ano para dotalo de estabilidade e de preto de 50.000 euros en exercicios anteriores para favorecer o seu mantemento. Así, vaise instalar cartelería e sinalización deste novo servizo de transporte náutico, un módulo como base, un espazo de aparcadoiro, conexións de luz e auga e torretas de subministro.

Esta conexión náutica enmárcase no proxecto de ecoturismo integral para a bisbarra do Baixo Miño impulsado pola Xunta de Galicia que inclúe, ademais destes transbordadores eléctricos para cruzar o río e unir as localidades da Guarda e Caminha, roteiros por zonas de interese ornitolóxico e de pesca de lamprea e percorridos en terra pola contorna con vehículos eléctricos de todo tipo, principalmente bicicletas e patinetes, en colaboración con establecementos turísticos da zona e que arrancará, neste último caso, cunha experiencia piloto na Guarda.

«As demandas do concello da Guarda son escoitadas pola Xunta»

Pola súa banda, o Concello da Guarda explica que «as demandas do concello, en relación á comunicación con Caminha, son escoitadas pola Xunta de Galicia». Apunta a adminsitración local que «as continuas reclamacións conseguen que a Xunta poña en marcha as solucións demandadas», en relacións as distintas reivindicacións realizadas tamén polo resto de adminsitracións locais do Camiño Portugués da Costa.

O resultado de todo o traballo realizado, segundo fai saber o alcalde, Antonio Lomba, «culminou o pasado 25 de marzo co anuncio da Xunta de Galicia que viña a atender as demandas feitas dende o Concello». Neste contexto, «A Xunta anunciou un investimento de 157.00 euros por parte de Turismo de Galicia nun proxecto de transporte turístico sostible que será prestado pola Asociación Galega de Actividades Naúticas (AGAN)» e, ao tempo, «o delegado territorial da Xunta, Luis López, «anunciou tamén o comezo dos estudos técnicos para a reparación do peirao do ferri da Pasaxe por parte de portos de Galicia».

 

 

 

 

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES