O Concello do Porriño pon en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE), unha iniciativa que durante os vindeiros 12 meses ofrecerá formación e acompañamento laboral a un centenar de persoas desempregadas, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral.
O programa conta cun orzamento de 287.500 euros, dos cales 230.000 proceden dunha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e está especialmente dirixido a persoas que poden atopar maiores dificultades para acceder a un posto de traballo. Por iso, reserva prazas para colectivos prioritarios como persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, menores de 30 anos, maiores de 52, persoas perceptoras de prestacións ou subsidios e mulleres, entre outros.
Ao longo dos doce meses de duración do programa, as persoas participantes recibirán orientación e asesoramento individualizado, formación especializada e ferramentas para mellorar as súas habilidades na busca de emprego. Ademais, terán a oportunidade de realizar prácticas en empresas. O obxectivo marcado é acadar unha taxa de inserción laboral do 45%.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, lembra que no programa anterior xa se superou esta porcentaxe e anima as persoas interesadas a participar nesta nova convocatoria. “Trátase dun programa cun itinerario formativo e de acompañamento deseñado para que as persoas participantes adquiran as competencias e capacidades que demandan as empresas instaladas no noso municipio”, sinala, lembrando que no último PIE acadouse unha inserción do 55%.
Pola súa banda, a concelleira de Emprego, Teresa Veloso, destaca que, ademais da formación técnica e especializada, o programa inclúe orientación individualizada, técnicas de coaching, intelixencia emocional, obradoiros sociolaborais e accións de prospección empresarial, así como prácticas en empresas do municipio.
“É un programa de formación integral que prepara as persoas participantes para afrontar con maiores garantías o mercado laboral. O obxectivo é que, ao rematar o itinerario, conten coas ferramentas necesarias para acceder a un emprego e, se é posible, que xa o fagan cun contrato de traballo”, explica a concelleira.
As persoas interesadas en participar deben acudir á Oficina do Servizo Público de Emprego e solicitar que na súa demanda de emprego figure o servizo “Programas Experimentais (930)”. Tamén poden obter máis información a través da web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ou da plataforma Porremprego.

