viernes, abril 26, 2024
InicioO PaísOurenseConfirmado o tramo espectáculo do Rallye de Ourense 2022

Confirmado o tramo espectáculo do Rallye de Ourense 2022

Unha boa noticia para os amantes do automobilismo. Xa está confirmada a realización do Rallye de Ourense 2022 para o 17 de xuño, cunha gran novidade: por primeira vez na historia, o centro da cidade será o escenario do evento.

O anuncio foi feito despois da reunión entre o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o presidente da Escuadra Ourense, Alejandro Fraga.

Para celebrar a 55ª edición do Rallye de Ourense, este ano será incluído un tramo urbano, que terá a Ponte do Milenio como principal protagonista e que levará a denominación de «Concello de Ourense».

«Por primeira vez, o Rallye de Ourense poderase gozar na cidade, algo inédito que seguro resultará todo un éxito pola espectacularidade do trazado e a súa contorna, que dará unha imaxe da nosa cidade diferente grazas á importante repercusión que teñen sempre os rallyes, e a enorme afección que existe en Galicia, León e o norte de Portugal» comentou Gonzalo Pérez Jácome.

Dous quilómetros

O percorrido terá ao redor de dous quilómetros de lonxitude, no que os principais equipos nacionais de rallyes enfrontaranse diante de miles de ourensáns, sendo tamén o tramo que pechará a primeira etapa da cita valedoira para o Súper Campionato de España de Rallyes.

Partindo da rúa Xesús Pousa, os participantes enfilarán a Ponte do Milenio con diferentes chicanes, pasos e cambios de rasante, para bordear as diferentes rotondas que levan ata o Pazo de Xustiza na rúa do Progreso, onde o tramo tomará de novo dirección cara a Ponte do Milenio rematando de novo na rúa Xesús Pousa.

O alcalde subliñou que este percorrido «daralle singularidade ao tramo, conferíndolle un punto de diferenciación ao Rallye de Ourense fronte a outras citas españolas, de xeito similar á do Gran Premio de Mónaco de Fórmula 1, que percorre tamén un treito urbano. Será un gran espectáculo que poderán presenciar uns 15.000 espectadores, e que contará tamén cunha presenza mediática moi superior: terá unha gran visibilidade. Será moi divertido para o público, e celebrarase en días previos ás festas de Ourense. Será unha cita que poderemos desfrutar todos os ourensáns e que poñerá ao Rallye de Ourense unha vez máis no máis alto de España”, concluíu o rexedor.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES