O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe en Casa Brandariz, en Arzúa, a 20ª edición do Outono Gastronómico que chega a un total de 71 establecementos rurais e se desenvolve entre o 18 de setembro e o 20 de decembro.
O programa conta xa con dúas décadas de traxectoria e durante os 20 anos nos que se leva celebrando, o Outono Gastronómico acadou unha rendibilidade económica para o sector de máis de 7,3M€ e sumou unha participación total de arredor de 110.000 persoas, segundo destacou Xosé Merelles. Ademais, apuntou que o gasto medio diario do turismo rural sitúase por riba da media nacional (92,3€ por persoa e día fronte a 65,9€). Desde a súa creación, Turismo de Galicia investiu máis de 1,2M€.
O Outono Gastronómico é unha iniciativa que combina a gastronomía e a estadía nas casas de turismo rural da comunidade a prezos moi competitivos. Como outros anos, hai distintas modalidades: Menú Outono gastronómico -sen aloxamento-, Paquete Outono gastronómico -para estadías dunha noite-, Fin de Semana Outono gastronómico -para dúas noites- e Outono Plus, que engade actividades á programación da fin de semana, como paseos a cabalo, surf, sendeirismo ou visitas a adegas.
En total, dos 71 establecementos participantes no Outono Gastronómico de Turismo Rural deste ano, 19 pertencen á provincia da Coruña, 20 á de Lugo, 14 á de Ourense e 18 á provincia de Pontevedra. A modalidade Outono Plus está dispoñible en 28 establecementos, dos cales 7 se sitúan na Coruña, 5 en Lugo, 7 en Ourense e 9 en Pontevedra, ofrecendo diferentes opcións para combinar gastronomía, turismo activo e outros atractivos do territorio galego.
Durante a presentación, que se celebrou en Casa Brandariz -un dos establecementos adheridos que leva participado en todas as edicións -, o director de Turismo de Galicia lembrou que esta proposta, creada en 2007 en colaboración coa rede de establecementos de Turismo Rural de Galicia, alíñase cos obxectivos da Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia, ao avanzar na desestacionalización da oferta e na redistribución territorial, constituíndo un importante apoio para a promoción do turismo rural.
Estratexia de promoción
Concretamente nesta edición, Turismo de Galicia desenvolveu unha ampla campaña de visibilidade en medios e soportes físicos e dixitais. Entre o 7 de setembro e o 7 de outubro estanse a realizar accións de publicidade en buses urbanos e metropolitanos nas cidades da Coruña (6 autobuses), Santiago de Compostela (8) e Ourense (5). A estratexia complétase con accións en redes sociais e en medios audiovisuais, con cobertura en toda Galicia, o norte da Península, o norte de Portugal e Cataluña.
A estratexia promocional refórzase coa colaboración de 10 creadores de contidos, convidados durante as dúas primeiras fins de semana da campaña (18-20 e 25-27 de setembro), co compromiso de realizar publicacións nas súas redes sociais.
Ademais, desde o 7 de setembro está operativo un espazo específico na web de Turismo de Galicia, con toda a información da iniciativa e coa guía informativa dispoñible para descarga. Finalmente, como apoio á difusión, Turismo de Galicia editou 8.400 guías informativas e 500 carteis, distribuídos entre os establecementos participantes, aproximadamente 90 oficinas de Turismo de Galicia, a Oficina de Turismo de Madrid (Casa de Galicia) e as catro Áreas Provinciais de Turismo da Xunta de Galicia, garantindo así unha ampla presenza da campaña tanto nos establecementos como nos principais puntos de información turística.

