O BNG de Ponteareas compareceu en rolda de prensa este luns para facer balance dos primeiros 100 días de goberno do PP de Nava Castro. Destacou o “retroceso” e a “volta ao pasado” que se está a producir, segundo o voceiro do BNG, Miguel Bouzó, co afán de desfacer todo o feito polo goberno anterior (BNG-PSOE).
Os nacionalistas ponteareáns advertiron do risco de perder os fondos europeos logrados por Ponteareas, 5 millóns de euros da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI), ao ter que estaren xustificados os investimentos a 31 de decembro de 2023, e quedando por executar dous proxectos que deixara “en marcha” o BNG: un centro sociocultural en Aceros del Tea e un centro cívico na Praza Maior.
Igualmente, Bouzó definiu como “caos” e “improvisación” os cambios no tráfico no centro urbano, coa apertura aos coches de zonas antes peonís e cambios de sentido na circulación.

