Ambos solicitaron a declaración de concurso ante o órgano xudicial, no marco da Lei da Segunda Oportunidade. Desta forma, o maxistrado, tras constatar que carecen de activos ou que non achegarán liquidez suficiente para satisfacer os gastos que xere o propio proceso concursal, acordou a declaración de concurso sen masa dos debedores.
“Á vista das alegacións formuladas, e tendo en conta a documentación achegada, podemos estimar a existencia dun estado de insolvencia actual do solicitante ou, polo menos, de insolvencia inminente”, explica o xuíz en cada un dos autos, nos que salienta que os dous irmáns teñen unha débeda vencida por importe de máis de 2,5 millóns. O maxistrado recalca que, tanto dos documentos achegados como da investigación patrimonial acordada á vista da manifestación dos solicitantes de que carecían de calquera activo, resultan “indicios suficientes da inexistencia de bens e dereitos que poidan ser embargables”. Por iso, declarou que se trata de dous concursos sen masa, o que implica a exoneración da débeda.

