HomeNewsActualidadeMos acolle unha nova edición da Tómbola Benéfica da AECC Mos

Mos acolle unha nova edición da Tómbola Benéfica da AECC Mos

O Pazo de Mos acollerá o vindeiro 26 de setembro unha nova edición da Tómbola Benéfica da AECC Mos, unha iniciativa solidaria que ten como obxectivo recadar fondos para apoiar a loita contra o cancro e a importante labor que desenvolve a Asociación Española Contra o Cancro.

A xornada dará comezo ás 12:00 horas e contará cunha ampla programación de actividades e actuacións para tódolos públicos.

O programa arrancará ás 12:00 horas coa actuación do Grupo de Gaitas “Celado”. Pola tarde, ás 17:30 horas, será a quenda da Banda de Acordeóns “O Son do Acordeón”. Ás 18:30 horas actuará a Asociación Pasión Flamenca de Vigo, mentres que ás 19:00 horas terá lugar unha exhibición de baile a cargo dos alumnos e alumnas de Patricia Martínez.

Ademais, ao longo da xornada haberá obradoiros infantís e pintacaras, para que os máis pequenos tamén poidan gozar desta celebración solidaria.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, mostrouse “moi satisfeita de que cada ano se poida celebrar esta tómbola e de que conte sempre cunha resposta tan positiva por parte da veciñanza”. Neste sentido, destacou a “importancia de manter no tempo unha iniciativa que combina solidariedade, participación cidadá e actividades para toda a familia”.

Arévalo quixo tamén agradecer o traballo de tódalas persoas voluntarias que fan posible a celebración desta xornada. “Quero agradecer de corazón o enorme traballo e dedicación de tódolos voluntarios e voluntarias. A súa implicación e xenerosidade son fundamentais para que esta tómbola se celebre cada ano con tanto éxito e para que entre todos sigamos apoiando unha causa tan importante como é a loita contra o cancro”, sinalou a rexedora.

A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Mos, AECC Mos, Obradoiros de Emprego de Galicia, Deputación de Pontevedra, Centro Cultural Deportivo e Fundación Pazo de Mos, entre outras entidades.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS