HomeConcellos +A CanizaA Caniza acollerá o I Certame de Moda para Deseñadores Noveis José...

A Caniza acollerá o I Certame de Moda para Deseñadores Noveis José Castro

O Auditorio Municipal da Casa da Cultura de A Caniza acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro, a partir das 20:30 horas, o I Certame de Moda para Deseñadores Noveis Jose Castro. Unha cita que “transcende a pasarela convencional para converterse nun espectáculo interdisciplinar” que porá en valor as propostas das xoves deseñadoras finalistas en concurso. O evento, organizado pola Asociación Cultural e Artística Jose Castro, rende así tributo á traxectoria do creador canicense.

José Castro consolidouse na élite internacional da moda na primeira década dos 2000, chegando a ser o terceiro deseñador de orixe española en ingresar na exclusiva Federación Francesa da Alta Costura de París, un fito histórico que compartiu no seu momento con Cristóbal Balenciaga e Paco Rabanne como predecesores. Recoñecido talento xa desde os seus inicios, foi premiado como o mellor alumno da súa promoción no prestixioso Royal College of Art de Londres co RCA Society Prize for Innovation, Creativity and Presentation.

Ao longo da súa carreira, o seu impecable e rompedor manexo do volume, texturas e contrastes levouno a vestir a celebridades da talla de Sarah Jessica Parker, Lady Gaga ou Dita Von Teese.

A gala do 12 de setembro é un proxecto coral que une a creadores locais e do Condado – Paradanta, con perfís urbanitas felizmente enraizados nese rural próximo e nativos das Neves e Mos, xunto a quen viaxan desde Vigo reconectándose na natureza durante as incursións da fase de preprodución.

A pasarela representará o broche de ouro dun proceso que arrincou en maio coa apertura da convocatoria do concurso para deseñadores de moda noveis. Tras a recepción de proxectos, en xullo un comité seleccionou ás 10 finalistas. A esperada resolución culminará en directo sobre as táboas tras o desfile da colección de cada autora, coa deliberación e proclamación da gañadora desta edición inaugural.

A difícil tarefa de avaliación final correrá a cargo dun xurado de profesionais vinculadas á traxectoria vital, formativa e profesional de José Castro: Rosa Rodríguez Oliveira, nai de Jose Castro e presidenta da Asociación Cultural e Artística Jose Castro; Gloria Rodríguez-Figueroa, deseñadora, compañeira de estudos e amiga íntima de toda a vida de Jose; Mar Ciorraga Souto, empresaria téxtil e directora de Goymar-Vigo (Escola Superior de Deseño e Moda de Vigo), centro onde Jose Castro iniciou a súa formación profesional; Belén Correa Corredoira, CEO e fundadora de Galicia De Moda, axencia de márketing e comunicación especializada en moda; e Lola Dopico Aneiros, artista, docente e directora de ESDEMGA (Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia), espazo no que Jose Castro impartiu obradoiros, clases maxistrais e exerceu como xurado nos desfiles de fin de carreira DEBUT.

Para asistir, é preciso solicitar entrada previamente.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS