HomeNewsActualidadeMos renovará o alumeado público para gañar en eficiencia

Mos renovará o alumeado público para gañar en eficiencia

O Concello de Mos vén de aprobar por maioría no Pleno municipal a contratación dos servizos enerxéticos destinados á renovación do alumeado público e á mellora das instalacións enerxéticas municipais.

Trátase dunha actuación integral que permitirá abordar a modernización de boa parte da rede de alumeado do municipio, con 6.964 puntos de luz renovados dos 7.397 existentes e 207 novos puntos, ademais da modernización de 164 centros de mando. O proxecto contempla tamén actuacións en cinco edificios municipais. 

O contrato supón unha prestación global de case 42,5 millóns de euros, IVE incluído, ao longo das 25 anualidades. Ademais, a empresa adxudicataria asumirá un investimento inicial de cerca de 8 millóns de euros (tamén con IVE) destinado á renovación e modernización das instalación, sen que o Concello de Mos teña que afrontar ese desembolso inicial.

O contrato terá unha duración de 25 anos e incluirá non só a renovación das instalacións, senón tamén o subministro enerxético, o mantemento, as reposicións e a garantía do sistema durante todo o período.

Un dos principais obxectivos do proxecto é reducir o consumo enerxético e mellorar a eficiencia do sistema de iluminación pública. As novas instalacións permitirán ademais dispoñer de sistemas de telexestión e de mecanismos para controlar o funcionamento e comprobar os aforros enerxéticos.

O Concello manterá a capacidade de decisión sobre os horarios de acendido e apagado e sobre a programación das instalacións, mentres que a empresa adxudicataria asumirá as obrigas de funcionamento e mantemento establecidas no contrato. 

A modernización terá tamén unha dimensión específica en cada unha das dez parroquias de Mos, onde se desenvolverán proxectos singulares de iluminación de elementos e espazos representativos.

O obxectivo é combinar a mellora da eficiencia enerxética coa posta en valor de espazos patrimoniais, lugares emblemáticos e elementos que forman parte da identidade de cada parroquia.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, sinalou que “hoxe damos un paso importante para deixar atrás un modelo baseado en actuacións puntuais e afrontar unha renovación integral do sistema de alumeado do municipio”. “Estamos falando de renovar case 7.000 puntos de luz, incorporar novos puntos onde son necesarios, modernizar os centros de mando, mellorar edificios municipais e desenvolver proxectos singulares nas dez parroquias”, sinala.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS