HomeNewsActualidadeUn bebé de 12 meses morre afogado nunha piscina particular no barrio...

Un bebé de 12 meses morre afogado nunha piscina particular no barrio vigués de Teis

A pequena accedeu á auga pola súa conta mentres os pais se atopaban nas inmediacións, nun suceso tráxico que mobilizou aos servizos de emerxencia sen que puidesen salvarlle a vida

Unha nena de 12 meses faleceu este venres afogada nunha piscina particular situada no barrio vigués de Teis. Tal e como informaron fontes policiais coñecedoras do caso, a menor subiu os chanzos da piscina pola súa propia conta e acabou caendo á auga. Os pais decatáronse da situación ao escoitar un ruído e achegarse ao lugar, momento no que atoparon á pequena flotando.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia recibiu o aviso de alerta ás 17.40 horas, solicitando asistencia sanitaria urxente para a menor. A central de emerxencias mobilizou de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Nacional e á Policía Local. Unha vez desprazados ata o punto, os profesionais sanitarios practicaron manobras de reanimación cardiopulmonar á nena, aínda que finalmente os esforzos resultaron infrutuosos e non puideron salvarlle a vida.

Apoio psicolóxico para a familia

Ante a gravidade do suceso, dende o 112 Galicia solicitouse a intervención do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). O obxectivo deste equipo especializado é prestar asistencia e apoio emocional aos achegados e familiares da vítima tras a trxedia.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS