A Xunta de Galicia remitiu unha carta ao Concello de Vigo para ofrecerlle a cesión gratuíta da parcela da antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid, un inmoble de máis de 15.000 metros cuadrados que leva máis de tres anos completamente abandonado dende a posta en marcha da intermodal de Vialia. Tal e como informou o director xeral de Patrimonio, José María Barreiro, o Executivo autonómico propón devolver os terreos —cedidos polo concello no seu día para construír a terminal— nas súas condicións actuais para que a administración local decida o seu uso futuro.
A reacción municipal non se fixo agardar. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello aceptará o traspaso en canto se formalice, lembrando que esta reversión é un dereito reclamado pola cidade en innumerables ocasións e exixindo á Xunta que complete o proceso “o antes posible”. O rexider tamén criticou o estado de conservación da actual estación de autobuses e cualificou de “lamentable” a situación que presenta.
Un enclave marcado polo abandono e a inseguridade
Dende o seu peche, a antiga terminal converteuse en escenario dunha situación límite e de marcada marxinalidade. A zona convive co asentamento de persoas sen fogar e problemáticas de consumo de drogas que xeraron constantes conflitos con veciños e comerciantes. Entre os episodios máis graves rexistrados no lugar destaca o homicidio dun home de 56 anos no seo dun campamento chabolista levantado contra a fachada da antiga estación, un suceso polo que unha muller ingresou en prisión.
Ante este panorama, o Concello ten previsto destinar este enclave estratéxico —situado entre a Avenida de Madrid, Martínez Garrido e Gregorio Espino— aos usos xa contemplados no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O obxectivo pasa por transformar o terreo nunha gran área de encontro social e zonas verdes dotada de parques infantís, ademais de acometer a necesaria reordenación do tráfico para recuperar o espazo para a cidadanía.

