A Igrexa Parroquial de Santa Teresa da Caniza acolleu a presentación oficial dos actos relixiosos organizados con motivo da festividade do Santísimo Cristo da Agonía, unha das celebracións máis arraigadas do municipio, que terá lugar o domingo 12 de xullo.
No acto participaron o párroco de Santa Teresa, José Manuel Pereira Vidal; o alcalde da Caniza, Luis Piña; o presidente da Asociación Cultural Santo Cristo da Caniza, Javier Souto; e Manuel Sampayo, representante da Comisión do Cristo, que deron a coñecer o programa relixioso previsto para este ano. Durante a presentación destacouse que esta será a primeira festividade do Santísimo Cristo da Agonía que presida o novo párroco, quen asumiu a responsabilidade pastoral das parroquias de Santa Teresa da Caniza, San Sebastián de Achas, Santa Eulalia de Deva e San Xulián de Petán o pasado 19 de outubro.
A novena en honra ao Santísimo Cristo da Agonía comezará o vindeiro 3 de xullo, converténdose no punto de partida dunha programación que cada ano reúne a numerosos fieis e devotos arredor desta histórica advocación.
A xornada central da festividade iniciarase ás 11:00 horas co tradicional pasarrúas da Banda de Música da BRILAT de Pontevedra “Galicia VII”, que realizará unha parada especial diante da Residencia Xeriátrica Santa Teresa, situada na rúa Castelao.
Ás 11:30 horas celebrarase a Misa Solemne na Igrexa Parroquial de Santa Teresa, cantada pola Coral Polifónica da Caniza. Ao remate da eucaristía dará comezo a procesión coas imaxes do Santísimo Cristo da Agonía e da Virxe dos Dolores, acompañadas pola Banda da BRILAT e polos costaleiros da Asociación Cultural Santo Cristo da Caniza, encargados de portar os tronos procesionais ao longo do percorrido.
O Concello da Caniza participa activamente na organización desta celebración, asumindo os gastos derivados da presenza da Banda da BRILAT, incluíndo o seu desprazamento, manutención e seguro de responsabilidade civil. Ademais, ofrecerá un refrixerio aos costaleiros e ás persoas colaboradoras.
O Concello tamén asume o valado perimetral do percorrido da procesión, a retransmisión en streaming da celebración por segundo ano consecutivo e a instalación dunha nova lona na torre da Igrexa, que se suma ás colocadas o pasado ano. Tamén realiza os traballos de limpeza, coordina o dispositivo de tráfico da Policía Local e achega persoal de apoio para os preparativos e o desenvolvemento da festividade.
Durante a presentación, o alcalde Luis Piña agradeceu expresamente “o traballo e a implicación da Asociación Cultural Santo Cristo da Caniza, da Comisión do Cristo, da Parroquia de Santa Teresa, da Coral Polifónica da Caniza, da Banda da BRILAT, así como de todos os veciños, comerciantes, hostaleiros e entidades que colaboran de maneira desinteresada para que esta celebración continúe formando parte do patrimonio relixioso e cultural da vila”.

