O Concello de Arbo vén de anunciar a culminación dunha “operación estratéxica que supón un importante logro para o patrimonio municipal” como é a adquisición definitiva dunha parcela de máis de 880 metros cadrados situada na céntrica rúa Antonia Tovar.
Este movemento, consolidado o pasado mes de marzo tras un complexo proceso administrativo e xudicial, permite ao Goberno local facerse cun espazo clave no corazón do casco urbano cunha operación que se pechou nun importe de 21.354,48 euros.
Para o rexedor, Horacio Gil, esta adquisición “non é froito do azar, senón dunha estratexia activa de captación de recursos e bens para o beneficio común”. “Este é un logro de todo o equipo de goberno e unha vitoria para Arbo”, sinalou o alcalde.
A adquisición enmárcase dentro da folla de ruta do 2026, que busca fortalecer a competitividade do municipio e elevar a calidade de vida dos veciños. Ao converter este terreo en solo público, “o Concello gaña a capacidade de desenvolver proxectos que respondan ás demandas reais da cidadanía” aseguran dende o goberno municipal.

