HomeNewsActualidadeO Xoán, Marlen Soto e Hermen & Gildo protagonizan O Porriño Orgulloso...

O Xoán, Marlen Soto e Hermen & Gildo protagonizan O Porriño Orgulloso 2026

A bandeira do Orgullo luce xa na fachada da Casa do Concello do Porriño. Un xesto de visbilidade aínda importante e sinal de que estamos na semana de O Porriño Orgulloso, que se celebrará os días 28 e 30 de xuño de 2026, con unha programación que combina celebración, arte e reflexión en torno á diversidade e aos dereitos LGTBI+.

Así o propio domingo 28 de xuño a partir das 20:30 h, a praza Antonio Palacios acollerá unha noite especial con tres propostas escénicas: o espectáculo de Marlen Soto, humor con Hermen & Gildo e música con O Xoán.

A drag queen Marlen Soto abrirá a velada cunha actuación que mestura espectáculo, humor e reivindicación. Cando non está en escea é Oliver Santiago, un mozo de 31 anos que leva 12 no mundo do transformismos nun dos lugares onde máis triunfan, en Canarias, onde gañou diversos concursos.

O dúo Hermen & Gildo presentará un monólogo sobre a igualdade, unha peza que aborda con intelixencia e humor a diversidade afectivo-sexual e os retos que aínda persisten.

O peche musical correrá a cargo de O Xoán, artista galego recoñecido recentemente co Premio Mestre Mateo a Mellor Actor polo seu traballo en Antes de Nós, onde deu vida a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Lonxe de contradicirse, O Xoán expande o seu universo artístico desde un pop emocional, performativo e profundamente contemporáneo.

O artista presenta en directo “Fállame a chola”, single de pop electrónico en galego sobre o desexo, a contradición e a liberdade de deixar de esconderse. A canción, lanzada ás portas do Mes do Orgullo, xa conta cun videoclip que mestura camp, humor e emoción, protagonizado xunto a seis drag queens galegas — Moira Lutar, Yasmine Lutar, Syndra, Liteah, La Kristopher e Ashley Ferreira — nunha viaxe de transformación persoal entre o exceso e a vulnerabilidade. O single foi presentado en directo no escenario de Los40 Pop Santiago antes do seu lanzamento.

O martes, o Orgullo toma forma de diálogo. A charla “Diversidade para todes” propón un espazo de reflexión e debate sobre identidade, diversidade e dereitos, dirixida a toda a cidadanía.

“Con esta programación, o Concello de O Porriño reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis inclusiva, plural e libre”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, que lembra que o orgullo non só e festa é reivindicación e é visibilidade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS