HomeNewsActualidadeO Open de Tenis “Vila do Corpus” de Ponteareas sobe de categoría...

O Open de Tenis “Vila do Corpus” de Ponteareas sobe de categoría e entra no Circuíto Nacional

A XVI edición da proba, que arrinca este venres nas pistas da Freixa, contará con máis de 170 deportistas de España, Portugal e Estados Unidos

O concello de Ponteareas convértese esta fin de semana no epicentro do tenis galego co inicio da XVI edición do “Open de Tenis Vila do Corpus”. A proba, que se desenvolverá nas instalacións da Freixa desde o vindeiro venres 26 de xuño ata o 5 de xullo, chega este ano cun salto de calidade significativo ao ser incluída e puntuable para o Circuíto de Nacionais da Real Federación Española de Tenis.

Este recoñecemento garante un nivel competitivo superior, contando con máis de 170 participantes chegados de distintos puntos de España, Portugal e mesmo dos Estados Unidos. Entre os inscritos destaca o tenista galego Iago Domínguez, gañador en 2024 e finalista en 2025.

Un torneo para todas as idades

O calendario deportivo abranguerá numerosas categorías, desde a base ata a idade absoluta e veteranos:

  • Categorías base: Benxamín, alevín, infantil e cadete.
  • Veteranos: +35, +50 e +60.
  • Torneo absoluto: Masculino e feminino.

A organización, liderada polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co Concello, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Tenis, repartirá trofeos en todas as modalidades e un total de 3.000 euros en premios en metálico para o cadro absoluto.

“Un premio a unha longa traxectoria”

O presidente do Club de Tenis Ponteareas, Juan Carlos Márquez, amosouse moi satisfeito pola inclusión no circuíto nacional, cualificándoo como “un premio a toda unha longa traxectoria”. Pola súa parte, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o “orgullo” que supón para a vila acoller unha proba que xa figura “entre as máis importantes de España”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, recoñeceu o traballo do club local polo crecemento constante do evento ano tras ano. As competicións comezarán este venres a partir das 16.00 horas nas pistas da Freixa.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS