O concello de Ponteareas convértese esta fin de semana no epicentro do tenis galego co inicio da XVI edición do “Open de Tenis Vila do Corpus”. A proba, que se desenvolverá nas instalacións da Freixa desde o vindeiro venres 26 de xuño ata o 5 de xullo, chega este ano cun salto de calidade significativo ao ser incluída e puntuable para o Circuíto de Nacionais da Real Federación Española de Tenis.
Este recoñecemento garante un nivel competitivo superior, contando con máis de 170 participantes chegados de distintos puntos de España, Portugal e mesmo dos Estados Unidos. Entre os inscritos destaca o tenista galego Iago Domínguez, gañador en 2024 e finalista en 2025.
Un torneo para todas as idades
O calendario deportivo abranguerá numerosas categorías, desde a base ata a idade absoluta e veteranos:
- Categorías base: Benxamín, alevín, infantil e cadete.
- Veteranos: +35, +50 e +60.
- Torneo absoluto: Masculino e feminino.
A organización, liderada polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co Concello, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Tenis, repartirá trofeos en todas as modalidades e un total de 3.000 euros en premios en metálico para o cadro absoluto.
“Un premio a unha longa traxectoria”
O presidente do Club de Tenis Ponteareas, Juan Carlos Márquez, amosouse moi satisfeito pola inclusión no circuíto nacional, cualificándoo como “un premio a toda unha longa traxectoria”. Pola súa parte, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o “orgullo” que supón para a vila acoller unha proba que xa figura “entre as máis importantes de España”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, recoñeceu o traballo do club local polo crecemento constante do evento ano tras ano. As competicións comezarán este venres a partir das 16.00 horas nas pistas da Freixa.

