O Concello de Baiona vén de informar da apertura de prazo para a presentación de solicitudes de ocupación de vía pública con motivo da celebración das Festas Patronais da Virxe do Carme, que terán lugar os días 15 e 16 de xullo en Baiona.
As autorizacións están destinadas á instalación de postos, barracas, stands de venda, espectáculos e atraccións de feira ambulantes durante os dous días de celebración da festa. As persoas físicas, xurídicas ou entidades interesadas en obter a correspondente autorización para o aproveitamento do dominio público municipal deberán presentar a súa solicitude, xunto coa declaración responsable e a documentación correspondente entre os días 1 e 14 de xuño, ambos inclusive.
O alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, sinala a “importancia de regular e organizar a ocupación do espazo público durante as datas de grande afluencia de visitantes e actividade festiva, garantindo así o correcto desenvolvemento das celebracións e a convivencia entre participantes, veciños e visitantes”.
Toda a información relativa á documentación requerida e ao procedemento da solicitude poderá descargarse da páxina web municipal. Para dúbidas, as persoas interesadas poden contactar co departamento de festexos a través do 986385921 ou en cultura@baiona.gal.

