HomeNewsActualidadePonteareas dá o pistoletazo de saída ao Corpus co nomeamento dos novos...

Ponteareas dá o pistoletazo de saída ao Corpus co nomeamento dos novos fillos predilectos e a lectura do pregón

Ponteareas inaugurou oficialmente as festas do Corpus Christi na súa edición de 2026 nun emotivo acto no que se nomearon fillos predilectos da vila ao deportista Borja Gómez e ao escritor Alfonso Pexegueiro. Tamén tivo lugar a lectura do pregón, a cargo do músico da Guardia Real, Rafael Carracedo, que supuxo o colofón a unha intensa xornada institucional e o inicio da conta atrás para as datas centrais desta celebración recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural: a noite do 6 de xuño, o día grande, o domingo 7.

Ante un patio de butacas repleto, a alcaldesa Nava Castro e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, fixeron entrega do diploma acreditativo e da medalla de ouro de honra do Concello aos novos fillos predilectos da vila. Estes nomeamentos foron aprobados por unanimidade de toda a corporación o pasado 28 de abril.

No caso de Borja Gómez, recoñécese “á súa traxectoria deportiva, o seu compromiso coa inclusión, o seu arraigamento ás tradicións locais e a súa contribución ao prestixio e proxección do municipio”.

Pola súa banda, Alfonso Pexegueiro foi tamén distinguido como fillo predilecto de Ponteareas “en recoñecemento á súa extraordinaria traxectoria literaria e cultural, e á súa contribución ao prestixio e proxección da vila”.

A lectura do pregón

Unha vez nomeados os fillos predilectos, Rafael Carracedo, músico con raíces en Guláns e gañador do 3º premio no trofeo de gaita solista Mac Crimmon dentro do Festival Intercéltico de Lorient no 2017, foi o encargado de dar lectura ao pregón que arrancaba oficialmente a edición deste ano do Corpus.

A súa intervención, na que fixo gala da súa ligazón con Guláns e Ponteareas, coa súa familia e coa música, asegurou que “o Corpus de Ponteareas é un exemplo de relación interxeracional, de transmisión entre avós e netos, de xuntarse arredor do chan e compartir un momento que perdura na memoria de todos e todas os que o viviron”. O pregoeiro quixo poñer en valor a importancia desta celebración ancestral, asegurando que “o Corpus de Ponteareas non só flores sobre o asfalto. É a afirmación de que aquí hai unha cultura, unha lingua, unha forma de estar no mundo que sobreviviu a todo, e que cada ano, con paciencia e cariño, volvemos a poñer en pé”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS