HomeNewsActualidadeA Fiscalía pide xuízo para Jácome ao ver "absolutamente incompatible" o seu...

A Fiscalía pide xuízo para Jácome ao ver “absolutamente incompatible” o seu soldo de alcalde cos seus negocios

O fiscal sinala que o rexedor duplicaba o seu salario público con ingresos privados de 162.000 euros anuais procedentes de Auria TV e a súa tenda de música

A situación xudicial de Gonzalo Pérez Jácome complícase. A Fiscalía de Ourense rexeitou os argumentos do alcalde contra a súa imputación e solicitou formalmente que sexa xulgado por un delito continuado de prevaricación. O Ministerio Público sostén que o rexedor compatibilizou o seu salario público en réxime de dedicación exclusiva con actividades privadas que lle reportaban beneficios económicos “importantes”.

Tal e como informou o xornalista Miguel Ascón, o fiscal destaca no seu escrito que as ganancias empresariais de Jácome —derivadas principalmente da súa televisión local, Auria TV, e dunha tenda de música— chegaron a duplicar o seu soldo como alcalde, alcanzando ingresos brutos de 162.000 euros anuais.

Un informe “ao gusto do alcalde”

Para evitar o banco dos acusados, Jácome presentou un recurso apoiándose nun informe de 2019 elaborado por Juan Ramón Costas, daquela xefe da asesoría xurídica e actual city manager do Concello. Porén, a Fiscalía cualifica este documento como carente de “profesionalidade” e coincide co xuíz instrutor en que foi redactado “ao gusto” do rexedor.

O fiscal non cre a versión de Jácome de que non realizaba actividade ningunha en Auria TV, afirmando que esa alegación non resulta cribles dado o elevado nivel de ingresos.

Sabía que necesitaba o permiso do Pleno

O eixo da acusación de prevaricación reside en que o alcalde era plenamente consciente da ilegalidade. Segundo a Fiscalía, Jácome “sabía perfectamente” que debía solicitar a compatibilidade ao pleno municipal, xa que fora advertido anteriormente polo Tribunal de Contas e pola propia Fiscalía.

O escrito sinala que o alcalde nunca pediu este permiso porque era consciente de que sería denegado, especialmente despois de que en 2021 o pleno aprobase esixirle a devolución dos seus salarios.

Pendentes da Audiencia Provincial

O caso queda agora en mans da Audiencia Provincial, que debe resolver dous recursos:

  • O do alcalde: que busca o sobresemento da causa.
  • O da acusación particular: exercida polo exconcelleiro Telmo Ucha, quen pide que Jácome sexa xulgado tamén por malversación e falsidade documental (un extremo que a Fiscalía non apoia).

Polo momento, o Ministerio Público mantén a súa petición de que o líder de Democracia Ourensana responda ante a xustiza por cobrar do erario público mentres mantiña as súas lucrativas actividades empresariais sen autorización.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS