Dende o pasado 1 de abril, o centro histórico de Allariz converteuse no escenario dunha ambiciosa exposición ao aire libre dedicada a José Suárez (1902-1974). A mostra, composta por 25 lonas de gran formato, permite que a obra do mestre da fotografía volva ao lugar onde naceu a súa sensibilidade artística.
Tal e como sinalan dende o Concello de Allariz, “as 25 obras seleccionadas foron instaladas nas fachadas e recunchos máis emblemáticos do centros histórico” co obxectivo de “crear un diálogo visual único entre a arquitectura de pedra e a modernidade das imaxes de Suárez”.
A proposta busca que tanto veciños como visitantes atopen as fotografías de xeito casual, no seu discorrer diario, fuxindo así da rixidez das salas de exposicións convencionais.
José Suárez naceu en Allariz no 1902, e foi un intelectual capaz de elevar a fotografía a unha arte de autor. Tras percorrer o mundo e vivir o exilio, esta mostra de 25 lonas supón, din dende o goberno municipal, “un regreso simbólico á súa casa”.

