HomeNewsActualidadeSalvaterra inicia os traballos de exhumación no cemiterio municipal Chan da Ponte

Salvaterra inicia os traballos de exhumación no cemiterio municipal Chan da Ponte

O Concello de Salvaterra de Miño vén de informar do inicio dos traballos de exhumación no cemiterio municipal de Chan da Ponte, unha intervención coa que se busca determinar se neste espazo foron doterradas dúas ou tres persoas vítimas da represión de 1936.

O obxectivo é localizar a Bernardo Bernárdez Martínez, natural de Ponteareas e veciño de Alxén, asasinado con tan só 24 anos o 29 de xullo de 1936. Segundo as investigacións realizadas, tamén poderían localizarse os restos de Delfín Rey Sánchez, veciño de As Neves, e dun terceiro varón sen identificar, posiblemente de nacionalidade portuguesa.

A intervención realízase grazas á colaboración do Concello de Salvaterra de Miño coa Comisión pola Recuperación da Memoria Hitórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña.

Con todo, o arqueólogo responsable da escavación, Eduardo Breogán, explicou a complexidade da intervención debido “ao estado da zona, que presenta importantes dificultades ao tratarse dun espazo moi degradado e utilizado durante anos como vertedoiro”.

Pola súa banda, o antropólogo forense Fernando Serrulla, destacou a importancia destas actuacións para “posibilitar a identificación e entrega dos restos ás familias”; subliñando tamén o papel das administracións públicas, e especialmente dos concellos, na procura das persoas desaparecidas durante a represión.

O historiador X. R. Paz Antón expuxo os antecedentes da investigación histórica, baseada na documentación do Rexistro Civil, mentres que o investigador Antón Lorenzo explicou o proceso de localización do posible lugar de soterramento, así como o traballo realizado xunto con Ángel López para localizar ás familias e recoller as mostras de ADN necesarias para unha futura identificación.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS