O Concello de Ponteareas derrubará o edificio que, ata a pasada semana, ocupaba a escola infantil municipal, ubicada na rúa Escritor Domínguez Benavides. O obxectivo é crear unha nova zona verde que conecte o parque da Feira Vella coa nova praza de abastos Mercatea.
Foi este mesmo luns, cando se realizou o cambio de ubicación da escola infantil municipal, pasando a ser empregada a nova.
Tal e como destacan dende o Concello de Ponteareas, a decisión do derrubo está “enmarcada dentro dunha estratexia global de mellora urbana, sustentabilidade e calidade de vida”.
Pola súa banda, a agrupación pontareá do Bloque Nacionalista Galego pronunciouse en contra desta demolición, asegurndo que “o antigo edificio da escola infantil pode e debe seguir tendo unha utilidade social para Ponteareas”.
“Trátase dun edificio no que, co BNG na alcaldía, se realizaron obras de rehabilitación
enerxética, cun investimento superior aos 100.000 euros, financiadas nun 80% con
fondos europeos, seguindo a estratexia urbana Ponteareas Hábitat Saudable”, lembra
o Bloque.
Ao que o goberno muncipal respondeu que “as actuacións realizadas no pasado en materia de eficiencia enerxética están suxeitas a un período de permanencia que xa foi plenamente cumprido, ao ter transcorrido máis de cinco anos desde a súa execución.”
A demolición será inminente
Todo apunta a que a demolición do inmoble será realidade en breve, pois as súas instalacións atópanse xa en desuso e valladas.
A concelleira de Urbanismo e Medio Ambiente, Silvia F. Táboas, explicou que esta intervención enmárcase na Estratexia de Infraestrutura Verde de Ponteareas. “Trátase dunha actuación coherente cun modelo de vila que aposta pola renaturalización, a mellora biodiversidade e a recuperación de espazos para a cidadanía”, sinalou.

